Nace "Praza Pública"

Redacción.- Onte saiu á rede o novo diario dixital en galego Praza Pública, que nace co obxectivo de recuperar o espazo perdido polas cabeceiras en galego na Comunidade no último ano e medio e coa intención de "contar o mundo desde a óptica galega", segundo a súa declaración de intencións inicial. O panorama de fondo compono o peche dos xornais Galicia Hoxe Xornal de Galicia, o portal Vieiros e o semanario A Nosa Terra.

En opinión de Manuel Barreiro, un dos promotores do proxecto, "confiamos en que a nova cabeceira contribúa á pluralidade dos medios de comunicación", quen asegurou que o novo medio traballará de forma "independente" e "sen adscrición partidista". O xornalista Marcos Pérez Pena dirixirá Praza Pública, que contará con David Lombao e Lara Graña como redactores e tamén unha ampla nómina de colaboradores para elaborar información e opinión. "Explicar o que acontece no mundo desde a óptica galega", definen os seus obxectivos os impulsores do novo medio de comunicación, e para iso concederán especial importancia á información política e económica, pero tamén a outros eidos da actualidade informativa e cultural do noso país (ver http://www.prazapublica.com/).

2 de feb. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión