Novos espazos políticos

Fermín Bouza.-

Cun electorado moi vencido pola crise, moi desesperado, a esquerda do reino precisa buscar novas opcións, abrir camiños, cambiar relatos e esperanzas. En Galicia, a saída do BNG do grupo que lidera Xosé Manuel Beiras, Encontro Irmandiño, marca, probablemente, unha nova época na política galega e, en concreto, na política nacionalista, que agora busca novos espazos políticos e a prolongación da mirada máis aló dos cumes que limitaban o alcance político do BNG.

Cumprida a longa etapa de recuperación e asentamento dunha marca nacionalista estable tras o desastre da guerra civil, quizá chegara a hora de que esa marca xerase outras e se abrise a segmentos  sociais que agardan outro discurso. O nacionalismo debe ampliar a súa presenza entre as clases medias e entre os sectores populares menos cualificados.

O BNG perdía voto sistematicamente e mostrábase incapaz non xa de incrementar a porcentaxe, senón de non reducila. Algo estaba a pasar e algo estaba a avisar aos máis conspicuos de entre os seus militantes. En plena crise, e coas eleccións autonómicas ao virar a esquina, é necesario pechar este paso e as súas feridas para presentar unha fronte variada de opcións necesarias a Galicia que sexa capaz de satisfacer a unha maioría. Deséxolles o mellor a todos eles.

15/02/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión