Paisaxes políticas e paisaxes da alma

Fermín Bouza.-

A política internacional ten raros meandros e apeadeiros diplomáticos que un gobernante debe ter en conta, gústelle ou non. Pero eu non goberno. Neste senso nunca deixará de asombrarme que tipos como Gadafi ou Al Assad obtivesen algunha simpatía de xente que se teñen  a si mesmos como de esquerda. Demencial. Os líderes populistas considerados de esquerda, como Chávez, Morales, Correa ou Fernández, inquiétanme nalgún punto das súas palabras públicas e dos seus actos, pero non son comparables a eses tiranosaurios citados ao principio, e algúns deles, ou quizá todos, son xente que pon boa fe na súa tarefa un punto mesiánica. Veremos en que fica todo.

Dilma Rousseff ten outra historia e é outra cousa que si é asimilable á esquerda, igual que Castro, uns e outros cos seus éxitos e os seus fracasos históricos, con democracia ou sen ela. Europa, sementeiro de ditaduras feroces ao longo do século XX, non pode dar moito exemplo neste sentido. A Merkel é unha líder democrática, pero actúa desde un chauvinismo nacional que xa creou gravísimos problemas históricos ao seu país e aos demais. É un inmenso risco económico, político e democrático para Europa, que se ve impotente para parar as súas estratexias ruinosas, desobedecendo ás potencias realmente determinantes e meténdose e meténdonos por conta propia nunha lea económica que aquí, absurdamente, acirran algúns sen que quede moi claro por que o fan.

China míranos e podería ter problemas con todo isto. Tampouco é un populismo á latina: é o resultado da evolución do comunismo de estado cara ao capitalismo comunista de estado, unha rareza económico-política que agora é forte e determinante. O día menos pensado, Israel atacará Irán, e Estados Unidos non terá máis remedio que apoialo. Suma e segue.

Vou tomar unha tila e "pasar a máquina" (antes dicíase así) cinco poemas que me piden para unha antoloxía, cousa traballosa e algo angustiosa, como comerse aos fillos, pero que axuda a esquecer e a vivir nas paisaxes da alma, que son mellores. Que día levo.

8 de feb. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión