Premio de Investigación Oncolóxica

Redacción.-

Onte xoves, 2 de febreiro, presentouse no Hostal dos Reis Católicos de Santiago o I Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal - Fundación La Rosaleda.

O Premio, cuxo prazo de presentación estará aberto até o 30 de marzo, pretende recoñecer o traballo destinado a afrontar o enorme desafío que supón atopar solucións a un dos grandes males da humanidade e premiar o esforzo e a traxectoria científica na área da investigación oncolóxica destinada a xerar, desenvolver e/ou aplicar os novos coñecementos biolóxicos e clínicos sobre o cancro.

Ao acto de presentación asistirán practicamente todos os membros do Xurado, constituído por membros da comunidade científica, académica e investigadora e cuxo presidente honorífico é o empresario Ramiro Carregal, presidente de Frinsa. Xunto con el estarán o presidente executivo do Xurado, o Dr. Rafael López López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, o catedrático Juan Gestal Otero, decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago á que pertence tamén o catedrático en Farmacoloxía Manuel Freire-Garabal. E en representación da propia Universidade estará o catedrático de Medicamento e vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González García. O sexto membro é o catedrático Juan Jesús Cruz, presidente da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), que será o único ausente neste acto.

Doce mil euros e galardón conmemorativo
O premio, dotado con 12.000 euros (e sometido ás correspondentes retencións fiscais) é un dos de maior contía no seu ámbito. Entregarase así mesmo un galardón acreditativo consistente nunha peza de artesanía de Galicia.

Poden presentarse ao Premio de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal-Fundación La Rosaleda investigadores de carácter preclínico (investigación básica orientada á obtención de coñecemento con aplicación clínica), e clínico (investigación en humanos), que desenvolvan a súa actividade en centros de investigación ou sanitarios, públicos ou privados, de calquera parte do mundo.

As bases completas están dispoñibles na páxina web da Fundación A Rosaleda (www.fundacionlarosaleda.org) no apartado "Actividades" "Premios".

3 de feb. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión