Sálvora, memoria dun naufraxio



Redacción.- Vilalba acollerá o vindeiro venres 24 de febreiro a presentación do libro Sálvora. Memoria dun naufraxio, sobre a traxedia do vapor-correo Santa Isabel, que afundiu no inverno de 1921 preto da illa de Sálvora, na ría de Arousa. O acto, organizado polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e o xornal A Voz de Vilalba, terá lugar ás 20:30 horas na Casa da Cultura e contará coa presenza do autor, Xosé María Fernández Pazos, que estará acompañado polo xornalista Moncho Paz.

O xermolo deste libro foi en 1998, cando Fernández Pazos publicou na prensa unha serie de reportaxes sobre a historia do naufraxio do Santa Isabel. Era a primeira vez que se daban a coñecer imaxes sobre a construcción, o interior do buque e datos históricos sobre a traxedia do barco. Así naceu aquela primeira edición, de autor, esgotada en apenas dous anos e que recibiu numerosas loas, tanto polo propio relato dos acontecementos como polas características de deseño e impresión. Ao se cumpriren os 90 anos do naufraxio, sae novamente nunha edición en rústica e corrixida.  O limiar é de Xosé Ramón Barreiro, historiador e ex-presidente da Real Academia Galega. 

Xunto coas mulleres da illa de Sálvora, o segundo oficial do barco, o ferrolán Luis Cebreiro, foi o responsable de salvar a medio cento de persoas. A historia daquel suceso permañeceu durante anos no anonimato oficial, a pesares de que na memoria colectiva das vilas da ría de Arousa lembrouse sempre a traxedia.

Varios cidadáns naturais da provincia de Lugo viaxaban no Santa Isabel: Pedro Ocampo Pérez (de 40 anos), Angela Cacharrón Gómez (21), Eugenia González Castro (25), José María Méndez Rodríguez (17), Ludovina Fernández (21), Dolores Neira Dúbida (18), Gervasio Neira Fernández (24) e Manuel Quiroga García, entre outros. As súas vidas correron distinta sorte.

Xosé María Fernández Pazos naceu en Santa Uxía de Riveira. Licenciado en Xeografía e Historia, é profesor de EXB e xornalista, labor que desenvolve na Radio Galega dende a súa fundación en 1985. Foi xefe de Informativos da emisora autonómica, xefe do Servizo de Teletexto e Internet da CRTVG e responsable da área do Servizo de Radio Exterior da Radio Galega. Ao longo da súa traxectoria dirixiu e presentou programas dedicados á actualidade, ao mar, ao agro, á emigración e aás novas tecnoloxías. 

Conta no seu haber con numerosos premios e recoñecementos ao seu quefacer profesional. Durante varios anos mantivo unha sección fixa semanal sobre información da emigración no primeiro xornal en lingua galega, o desaparecido O Correo Galego. Publicou máis de cen artigos sobre a xeografía e a historia local, e editou varias publicacións dedicadas á comarca de Arousa e ao Concello de Riveira. Colaborador da Gran Enciclopedia Galega, participou na redacción de varias obras e publicacións sobre historia e xeografía.

Actualmente é responsable do Arquivo Sonoro da emisora pública galega, da web da Radio Galega e do portal dedicado aos 25 anos da mesma. Compaxina  o seu labor profesional coa dirección e presentación do programa radiofónico de novas tecnoloxías “Banda Ancha” e coa dirección da revista de ciencia e tecnoloxía Código Cero, do portal codigocero.com e da páxina web riveira.info, dedicada á historia local.

21/02/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión