Unha central de vixiancia

Xulio Xiz.-

Xa me teño referido noutras ocasións ao tema de seguridade nas instalacións de empresas ou particulares,  con incidencia especial nos polígonos industriais, lamentando que os empresarios non se puxeran de acordo en dotarse dun instrumento de prevención conxunto para evitar maiores males. Agora parece que xa hai un servicio neste sentido, que ten Vilalba como centro pero abarca moito máis
 que a nosa xeografía vilalbesa ou chairega.

En  Vilalba, como prácticamente en todo o resto da nosa xeografía, o tema da seguridade está á orde do día. Pode ser por aquelo de que “a necesidade aguza o inxenio”, e a necesidade vese que está aumentando pola actual crise económica e social, pero os amigos do alleo están perfeccionando as súas técnicas e utilizando procedementos que noutros tempos houberan dado – de feito deron- para argumentos de películas de éxito.

A comezos de xaneiro foi noticia en Vilalba un roubo polo procedemento do “butrón”, no que na noite dos inocentes entraron nunha nave de representacións de productos de alimentación e bebidas. Os asaltantes non chegaron a consumar a súa acción porque traballadores dunha empresa inmediata observaron movementos sospeitosos e avisaron á garda civil. Era o cuarto intento que esta empresa sufría de ataque ás súas instalacións.

Do mesmo ramo pero por distinto procedemento foi o seguinte intento. Entraron polo tellado, descolgándose con cordas. Foron maiores os danos causados que o producto do roubado, xa que se o roubado foron 300 euros os danos están arredor dos cinco mil.

 De paso, para aproveitar a viaxe, roubaron chatarra ou material que pode ser transformado en chatarra nunha empresa inmediata.

E xa neste mes, para completar unha crónica de sustraccións que seguro queda incompleta,  está o roubo en dous bares para levar tragaperras e algunhas menudencias, tragaperras que logo desvalixaron preto do Muiño do Rañego.

O escenario, esbozado máis que descrito, parece perfecto para a nova coñecida recentemente de que en Vilalba se vai instalar unha central de alarmas que vai poder controlar os equipos de vixiancia que se instalen en alomenos doce mil empresas e casas particulares, e que polo que se ve en Vilalba vai atopar campo aboado para conseguir clientela para a súa actividade.

Certo que con esa capacidade de atención, o traballo desta empresa non se vai restrinxir a Vilalba, nin siquiera a toda a Terra Chá, pero é excelente que aquí se instalase, dunha banda pola creación de postos de traballo, e por outro polo elemento disuasorio que a súa actividade ten que significar para os amigos do alleo que non poden evolucionar libremente ás súas anchas, aínda que seguro teñen ou adquirirán coñecementos suficientes para deixar sen efectos todo tipo de alarmas se o caso ten para eles suficiente interese.

Pero polo de pronto, inspira tranquilidade saber que en Vilalba hai unha central de vixiancia electrónica ou pola Rede dos que queiran integrarse no seu sistema. Alomenos, os empresarios do Polígono xa non terán que andar discutindo se vixiancia si ou vixiancia non, xa que non se daban posto de acordo. Agora, vixiancia sí, para os que queiran.

17 de feb. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión