Galicia e o século XVIII

Redacción.- 

A Fundación Barrié presentará o mércores 28 de marzo ás 20 h. o libro Galicia e o século XVIII. Planos e debuxos de arquitectura e urbanismo (1701-1800), obra que recompila máis de 1600 planos e debuxos de arquitectura e urbanismo referidos a Galicia.

O acto contará coa presenza do director da Fundación Barrié, Javier López Martínez, o delegado de Cultura e Universidade do Concello de Ferrol, Manuel Reyes García Furtado, e o director deste proxecto editorial, Alfredo Vigo Trasancos.

O libro Galicia e o século XVIII. Planos e debuxos de arquitectura e urbanismo (1701-1800) é un ambicioso proxecto editorial que pon de manifesto a gran importancia que tivo Galicia nun tempo dominado no estilístico polo Barroco e o Clasicismo. Tamén o papel decisivo que cobrou no militar, por motivo da política defensiva que levou a cabo a Monarquía.

Por conseguinte, que deba considerarse este período histórico como unha especie de "Idade de Ouro" galega, próbao que fose entón cando se realizaron obras tan destacadas da nosa cultura artística como a fachada do Obradoiro da catedral compostelá, obra de Fernando de Casas, o gran Arsenal de Ferrol, obra clave dun equipo de enxeñeiros militares vinculados ao Estado ou, así mesmo, outras realizacións non menos importantes como o Seminario de Confesores de Santiago, debida ao mecenado do arcebispo Bartolomeu Rajoy, o novo edificio da Universidade ou a fachada principal da catedral de Lugo que foi proxectada polo enxeñeiro e arquitecto académico Julián Sánchez Bort.

No que atinxe ao contido deste proxecto editorial, un primeiro volume, de máis de 1.000 páxinas, incorpora toda a planimetría en cor, precedida dun prólogo realizado polo profesor e director da Real Academia de Belas Artes de San Fernando Antonio Bonet Correa. Nun segundo volume, os planos, reproducidos en branco e negro e a menor tamaño, aparecen acompañados de todas as súas correspondentes lendas manuscritas e os seus datos básicos de referencia, todo precedido por unha serie de estudos introductorios realizados polos compoñentes do equipo de investigación. O volume remata cunha rica bibliografía de 492 páxinas. Tamén se incorpora un cartón USB que inclúe unha completa base de datos con toda a información do libro e 10 reproducións de planos a todo cor, tamaño A2.  

28 de marzo, a las 20 h. 
Capela do Centro Torrente Ballester, Ferrol 
Rúa Concepción Arenal, s/n

25/03/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión