Paradores e castelos

Xulio Xiz.-
Así é todo, tivemos boa sorte os vilalbeses en relación co castelo cando
hai arredor de corenta e cinco anos deixou de ser unha ruina de pedra e
transformarse en Parador Nacional de Turismo. Tivemos boa sorte, e padriño
axeitado para conseguir ese fin, no momento en que o Ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga, andaba a crear unha rede nacional de
paradores para fomentar un turismo de calidade e fixouse na nosa fortaleza.

Se así non fose, aínda na actualidade podería estar debatíndose o seu
destino e a súa compra, como está ocorrendo con  fortalezas como a de
Pambre ou a torre de Sarria. Que se a de Pambre foi adquirida pola Xunta de
Galicia aos seus novos propietarios – unha orde de beneficencia radicada en Vigo – pasou por anos moi escuros con prohibición absoluta de entrar nela e descoñecemento do que alí se estaba facendo.

Na de Sarria, a torre coñecida como “dos Batallón”, resto da vella fortaleza que dominaba a vila, aínda se anda buscando comprador xa que non hai institución que se decida a mercala, e pode caer en mans de
particulares se están dispostos a pagar un importe de arredor de dous millóns de euros que para un castelo non é case nada.

O problema destas fortalezas é que logo non se sabe que facer con elas. Porque en tempos estaba moi claro: Unha fortaleza, castelo, torre, mosteiro ou similar, previa a axeitada restauración, pasaba a ser Parador Nacional de Turismo, e así España enteira está ateigada destas instalacións que tanto prestixio deron á nosa infraestructura turística, e da que os vilalbeses sabemos abondo.

Pero hoxe en día non se abren máis paradores, e ai está o tan traido e levado de Muxía, que se pretende constuir de novo como compensación aos danos da traxedia do Prestige, e hai que temer que se retrase ou se anule que os tempos non están para investimentos  por moitos beneficios de todo
tipo que produza.

Ademáis das dúas fortalezas mencionadas, nas terras de Lugo hai restos de castelos en Parga de Guitiriz, que xa hai tempo está servindo de lateral dun galiñeiro; en Navia de Suarna, que acabou sendo unha casa habitada por varias familias; en terras da Fonsagrada, na Pobra do Burón, onde hai anos se quixo facer un hotel, sen conseguirse; en Miraz de Friol, en Torés das Nogais; en Sobrada de Outeiro de Rei; en Torrenovaes de Quiroga; en Caldaloba de Cospeito... todos eles teméndose que calquera tormenta invernal dea con eles en terra sen posibilidade algunha da súa restauración e posta en valor.

Este perigo está demostrado pola desaparición de torres nas últimas décadas, e mesmo polos derrumbes de torres da muralla de Lugo en tempos de choivas, que a auga cando cae a boullón non respecta para nada o patrimonio histórico.

Nos tempos dos Paradadores de Turismo, na provincia de Lugo construironse tres: O de Ribadeo, na entrada de Galicia desde Asturias; en Portomarín, para compensar ao pobo polo asulagamento do vello Portomarín, que logo cerrou por non conseguir facelo rendible; e o de Vilalba, que tampouco debía ser moi rendible cando só tiña as seis habitacións construídas na torre, pero que para eso se fixo a gran ampliación no edificio moderno adosado.

Vilalba ten solucionado o seu problema. Cabe esperar que Pambre tamén, de xeito que se convirta nun centro de interpretación da Ulloa e da arquitectura medieval do século XIV, única de Galicia que non puideron derrubar os irmandiños. E o de Sarria é caso aparte, que primeiro ten que conseguir un bo comprador.

22 de mar. de 2012

2 comentários :

  • Non sei que prefira. Ás veces é mellor deixar pasar o tempo en espera dunha mellor oportunidade. A "rehabilitación" da torre dos Andrade é moi cuestionable desde o punto de vista histórico e arquitectónico, e non digamos o adefesio que construíron para ampliar o Parador.
    Moitos pobos de Galicia recuperaron os seus castelos para darlles un uso popular sen necesidade de que viñera Fraga a poñerlles un parador. Teño visitado ducias de castelos (Vilanova dos Infantes, Pontedeume, Monforte, Maceda...) sen ningún problema, e nin sequera podo entrar na torre do meu pobo se non pago unha pasta por un cuarto. Os empregados do parador non fan máis que poñer problemas para visitala.

    16:50 do 22 de marzo de 2012

  • Só quería matizar que Manuel Fraga non creou a rede de Paradores, se ben é certo que apostou decididamente por ela e ampliouna considerablemente. O creador da rede de Paradores foi o Marqués de la Vega-Inclán en 1928.

    12:35 do 4 de setembro de 2013

Danos a túa opinión