Un ano sen Vicente Ahumada

Moncho Paz.- Nun triste e asollado domingo de marzo, hai un ano deixábanos Vicente Ahumada, un gran profesional do mundo da música en España. Ademais de desenvolver distintas responsabilidades en compañías discográficas, Vicente foi un dos maiores expertos na figura de Elvis Presley. De feito, o "Club Elvis" chegou a ser todo un referente no panorama musical español, tras dezaseis anos en antena baixo a súa dirección.
Vicente naceu en Madrid o 5 de febreiro de 1948 e permaneceu toda a súa vida vencellado á música: desde finais da década dos 70, durante a súa etapa como disc-jockey na sala Fontana, coincidindo co espertar do fenómeno cultural, artístico e musical da “movida” madrileña. Durante dez anos traballou en Hispavox, formando parte do departamento de promoción de radio, ademais de colaborar coa área de lanzamentos internacionais e na edición dalgunhas series de coleccionistas. Tamén contribuíu no lanzamento de grupos como Alaska y Los Pegamoides, Radio Futura, Nacha Pop ou Los Secretos. Precisamente estes últimos realizaron naquela época a súa primeira gravación, baixo a produción de Juan Luís Izaguirre e editada posteriormente por Polydor.
Tras pechar ese período da súa vida, Ahumada exerceu a función directiva en Max Music, promovendo os sucesivos lanzamentos da serie Max Mix e a distribución no noso país de selos discográficos especializados en rock e pop dos 50, 60 e 70, como Ace ou Demon. Tamén colaborou co selo Emi a finais dos 90, na selección de oldies españois.
Coleccionista irredento, Vicente contaba cun amplo repertorio discográfico, difícil de valorar e baseado especialmente en discos de vinilo da época. Pero sen dúbida, a maior achega de Ahumada foi o seu decisivo papel para difundir a figura de Elvis Presley, o “rei do rock”, a través do programa “Club Elvis” (primeiro en Cadena 100 e máis tarde en Rock & Gol), que contou cunha lexión de seguidores, tanto na radio como nas redes sociais. Un ano logo do seu pasamento, a súa lembranza permanece viva no panorama musical español, onde tivo moitos e grandes amigos.
_________________
Vicente Ahumada Sanz (Madrid, 5 de febreiro de 1948 - 20 de marzo de 2011).

19/03/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión