Don Juan Carlos e a lingua de Cervantes

Ramón Chao.-

Nestes días de destape real non podo menos que lembrar a malfadada frase do monarca español cando a entrega do premio Cervantes 2000 ao escritor Francisco Umbral, en Alcalá de Henares, lugar de nacemento do autor de Don Quixote da Mancha. A Juan Carlos ocorréuselle dicir o seguinte:

"Nunca foi a nosa lingua de imposición, senón de encontro: foron os pobos máis diversos quen fixeron seu, por liberdade libérrima, o idioma de Cervantes".

Como puido cometer tamaña falta o monarca? Quen lle escribiu o discurso? Por que dixo semellante insensatez?

Moitos lembramos aínda tempos non moi afastados en que non se podía falar o galego, o catalán ou o basco na escola: obrigábannos a falar en cristián, é dicir, en castelán.

Ante o balbordo que armou o seu discurso en España, a casa Real apresurouse a aclarar que ditas palabras referíanse á implantación do castelán en América Latina.

Peor que peor. Desde o século XVI, desde a Conquista, aplicouse o lema do pai Antonio de Nebrija, autor da primeira gramática en castelán, que rezaba: "Sempre a lingua foi compañeira do Imperio". É certo que hoxe o español é idioma común nos países de América Latina, pero habería que saber á conta de cantas mortes de homes e de idiomas autóctonos.

É certo, non se poden resucitar, pero polo menos hai que ser respectuosos con eles e aceptar a realidade histórica.

18 de abr. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión