Dúas exposicións no Centro Torrente Ballester


Redacción.-

Situado no antigo Hospital de Caridade de Ferrol, o Centro Torrente Ballester caracterízase por unha programación dinámica e contemporánea dende que comezou a súa andaina no ano 1993 encamiñando a súa actividade cara a difusión e promoción das artes plásticas. A versatilidade que lle permite manexar dous espazos de gran calidade, xa sexa o antigo hospital de 1786 ou o novo espazo inaugurado en 2002, outorga ao Centro Torrente Ballester unha oportunidade única para funcionar como un dos centros artísticos galegos de referencia.

Nesta renovada etapa na que Manuel-Reyes García Hurtado será o encargado de deseñar a súa programación, destacará a pluralidade das propostas, o ambicioso destas e a súa intención aberta, coa intención de, en palabras de García Hurtado, “converter o Centro Torrente Ballester nun lugar no que a xente comprenda as novas tendencias, no que teñan cabida as distintas artes e no que se proxecte unha cultura non só para entendidos, senón aberta a todo o público”. Con esta programación pluridisciplinar capaz de agrupar distintas xeracións, preténdese construír un lugar activo capaz de reflexionar sobre a cultura contemporánea dende unha óptica do século XXI, entendendo o Centro Torrente Ballester como un punto de encontro da cultura na cidade e Galicia.

Neste sentido, buscarase unha relación fluída con outros centros de exposicións e formación, como é o caso da colaboración no primeiro trimestre de exposicións co Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). En definitiva, que á indiscutible vocación artística e contemporánea do Centro Torrente Ballester, sumaranse agora disciplinas complementarias que permiten a relación da arte coa arquitectura, o cine, a música ou o deseño, de cara a conseguir unha maior empatía coa cidade e atraer os amantes da arte e a cultura a Ferrol.  
Welcome to my Loft. Arquitectura como utopía, ruína e abstracción
Comisario: Ángel Calvo Ulloa
Nesta exposición, onde se inclúe a presenza de importantes artistas internacionais, preténdese reflexionar sobre a cidade e a arquitectura entendendo a súa condición de utopía, nuns casos, de ruína, noutros, e finalmente, de abstracción. En todos os nosos espazos, o contraste entre a arquitectura do pasado histórico, as pegadas da modernidade e a ultimísima arquitectura de alta tecnoloxía e deseño, amoréanse en ocasións no espazo dunha soa rúa. A partir de artistas que traballan a arquitectura dende as máis variadas disciplinas, Welcome to my loft reflexiona sobre a capacidade do arquitectónico para manifestarse como elemento a través do cal definir a nosa forma de enfrontarnos ao problema do cuarto e cales son os nosos modos de relación cos elementos por nós construídos. Tamén quere presentar cuestións capaces de suscitar debates en torno ás configuracións urbanísticas na actualidade e de como a presenza de determinadas arquitecturas é capaz de xerar espazos marcados por modos específicos de vida.  

O asento como arquitectura e a arquitectura como asento
Comisarios: Luis Gil Pita / Cristina Nieto
O significativo título desta exposición, O asento como arquitectura e a arquitectura como asento, remítenos a unha dobre interpretación. Por un lado sentarse nun invento que permite o descanso e que pertence á familia do pensamento arquitectónico: o asento como máquina. Trátase do asento fabricado como peza que nos separa do chan, que cumpre ao igual que a arquitectura os tres prefectos clásicos, firmitas, utilitas, venustas, e que se enmarca cando non é nómada no recinto ou territorio a cuberto e protexido da arquitectura. Por outro lado a propia arquitectura, a vernácula e a contemporánea, a primeira de forma espontánea e a segunda creada e pensada ex profeso para servir tamén de acomodo, de asento e descanso. Os bordos, os enlaces, interiores e exteriores da arquitectura como lugares-forma onde acomodar o descanso e interferir nas relacións do físico e estable, coas accións de uso dos cidadáns.

27/04/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión