O noso río

Xulio Xiz.-

Os pobos que temos río, temos unha especial riqueza, e Vilalba ten un río con varios nomes ao que se asoma e do que se beneficia en moitos aspectos.

Os ríos teñen sido motivo de asentamento, e orixe de poboacións que apousaron hai moitos séculos á súa beira e medraron mirándose no espello das súas augas.

Eu non creo que Vilalba se asentase precisamente neste lugar por estar á beira do río, pero tampouco aseguraría o contrario. E se se sonstruíu no alto, ben seguro foi por ter así mellor posibilidade de defensa nuns tempos nos que a vida dependía de estar resgardado por un castelo, gobernado por un señor feudal encargado de protexer á poboación do contorno.

E temos unha lenda que di que desde os foxos do castelo ía un paso subterráneo ata a Pena de Miguel, de maneira que os fortificados no castelo podían levar os cabalos beber ao río e mesmo recoller auga para resistir os asedios ós que forzas invasores os sometesen. Esto só é unha lenda, pero é sinal da dependencia de calquera poboación da auga, neste caso do río, para poder subsistir.

Os ríos depuran, limpan, coa súa auga, as escorrentías das fincas do arredor, ou as limpaban en tempos cando esas escorrentías só procedían dos abonos das fincas, dos xurros das cortes, e en fin do traballo humano nunha sociedade agrícola de pura subsistencia.

Pero os tempos cambiaron, evoluíron, e hoxe os ríos reciben outros aportes desusados, que non logran depurar ao momento producíndose contaminacións como a que se fixo pública recentemente que causou
inquedanza non só aos responsables do bo estado das augas senón a todos os que viven ás súas beiras e aos numerosos pescadores que teñen no río o seu particular paraíso.

Son os pescadores precisamente os que, polo seu contacto co río, detectan calquera alteración do estado das augas, e os que nesta ocasión deron tamén a voz de alarma.

Primeiro foron unhas manchas na zona da Magdalena, que logo se extenderon a outras zonas do río, podendo ter a culpa moi diversas cuestións, desde un verquido incontrolado desde calquera punto das marxes ata o fiuncionamento deficiente da depuradora do polígono, tendo sempre en conta que as depuradoras – que non teño a menor idea de cómo funcionan para conseguir tan difícil función- sempre se van quedando pequenas a medida que a actividade humana vai medrando, e á natureza vaille quedando cada vez menos espacio libre coa invasión á que coas nosas actividades a estamos sometendo.

Nestes tempos, en que a temporada da pesca fluvial está aínda recente, calquera agresión ao río é especialmente sensible, e os vilalbeses estamos afeitos a ter un coto de pesca importante e frecuentado, polo que acontecementos coma este non benefician para nada ó río nin a Vilalba. Máis nun tempo coma este de seca, no que moitas fontes non abriron, os ríos van con pouca auga, e calquera contaminación fai moito máis dano.

Agardamos que o problema do río non chegue a maiores, e sigamos disfrutando dun río sano e limpo, como sempre foi o noso, que –como dicía Carmiña Prieto Rouco- ao pasar “bica os pés” da nosa vila.

7 de abr. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión