Presentación

Redacción.- Fernando Velázquez presenta o día 17 de Abril ás 19.00h na Zipper Galeria de São Paulo, a publicación dun libro que recompila as súas obras, unha presentación que estará marcada pola intervención do artista en directo co seu performance "Accidente". A modo de percorrido ao longo da súa carreira artística, edítase o libro do artista uruguaio residente en São Paulo Fernando Velázquez. Unha recompilación das súas obras desde 2002 até a actualidade, que abarcan desde series pictóricas até híbridos entre performance, vídeo e instalación. A percepción visual en relación coa actividade cerebral, o pensamento e o imaxinario, é unha constante dentro do seu traballo. Unha investigación de como se transforma ininterrompidamente o noso modo de ver e a importante influencia da tecnoloxía e a linguaxe neste proceso; de como a máquina despraza os límites do noso corpo producíndonos a perda da estabilidade. A seriación, a repetición, a descomposición e a distorsión, son elementos cos que o artista crea paisaxes e ambientes a medio camiño entre o físico e o psíquico, xogando tanto co visual como co audio. Unha portada vibrante anticípanos un deseño interior marcado pola importancia do ritmo e da cor. As imaxes teñen unha especial fluidez nun conxunto que une poder plástico, visual e maquinal. Impondo unha orde dentro dunha recompilación de imaxes e formas procedentes de diferentes realidades desordenadas, articuladas nunha serie de capítulos diferenciados polos soportes cos que traballa o artista e coa recompilación das análises de David Varro, Marcus Bastos e Bronac Ferran. A liña estilística e formal do artista queda plasmada nunha publicación que será presentada o próximo 17 de Abril, na Zipper Galeria de São Paulo, onde destacará a intervención do artista en directo co seu performance audiovisual ?Accidente?. Peza presentada en 2011 para o programa on_off de Itaú Cultural.

16/04/2012

1 comentários :

Danos a túa opinión