Sobre o mal de ollo e El-Rey

Fermín Bouza.-

Se antes o digo... (De Hollande a Froilán: el mal de ojo): El-Rey tivo outro evento negativo, agora coa súa cadeira. Suma e segue. O mal de ollo é unha realidade incontestable: cando nos miran mal póñennos algo nerviosos, obrígannos a pensar que fariamos, e modifican a nosa conduta sobre esas incertezas. A nosa conduta altérase coas críticas, aínda que sexan silenciosas.

Como psicólogo, e á miña maneira, creo no mal de ollo. El-Rey e a súa familia están afectados, política e psicoloxicamente, polo caso Urdangarín. Non o agardaban con esa intensidade, aínda que algo sabían desde hai anos, o que explica o afastado destino do xenro alén do charco. Os excesos enunciativos do PP, sobre todo da extrema dereita que contén, tampouco lle fan un favor, pois asimilan a Monarquía a esas imposibles posicións ideolóxicas, hoxe dominantes.

Tampouco atopan consolo nunha dereita máis normalizada, que se afasta desde hai tempo da Monarquía, empuxada por esa extrema dereita citada. A esquerda, por principio, non é monárquica, aínda que o PSOE sempre actuou nisto con grande intelixencia estratéxica e non creou grandes problemas a El-Rey. Quizá sabe que algo raro pode moverse tras a disxuntiva Monarquía/República. O PSOE estivo moitos anos no poder, e é un partido moi ben informado. Penso eu, claro.

O mal de ollo obriga á Casa Real a ser máis eficiente, a estar moi atenta, e a mellorar a comunicación coa cidadanía. Vivimos tempos difíciles e novos. Aínda non os entendemos ben.

17 de abr. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión