Viaxeiros, ao tren!


Xulio Xiz.-

Se saímos polas rúas de Vilalba e preguntamos aos que atopemos: Cre vostede que algunha vez se poderá escoitar en Vilalba, nunha estación de ferrocarril, aquela frase de "Viaxeiros ao tren"?, seguro que haberá absoluta unanimidade en que nunca se escoitará algo así, a menos que teñamos en conta a eses pequenos trens que se poñen en marcha nas festas para recorrer os puntos máis importantes dunha poboación.
E sen embargo, nunca se sabe, porque o futuro é imposible de adivinar, e cousas máis difíciles se teñen visto.

Cando se apostou por parte dos poderes públicos polo transporte, optouse polo da estrada e non polo do ferrocarril. Esquecendo que é un transporte máis barato, consume menos, menos contaminante, e máis seguro.

E durante décadas abríronse novas estradas, perfeccionáronse e ampliáronse as existentes, mentras o ferrocarril quedou arrumbado, sen investimentos, sen prestixio, sen promoción ata chegar a estos tempos no que se aínda respira é porque o Ave, o tren superrápido, abre unha nova era neste tipo de transportes.
Pero chegados a este punto no que a rede de estradas se perfecciona ata chegar ás autovías, que Vilalba xa coñece de primeira man, resulta que a crise fai mercar moitos menos coches e os sucesivos aumentos dos combustibles contaminantes fan prohibitivo cada vez máis o transporte pola estada. E vólvense os ollos ao ferrocarril.

Na escuridade do olvido está o proxecto de tren desde Lugo cara á costa pasando por Vilalba, como unha das opcións posibles, que houbera marcado un xeito de ser e de estar, e de moverse pola provincia.
Pero agora xurde outro proxecto que fala dun tren moderno, un Ave galego, que funcionaría de xeito circular unindo as máis importantes cidades galegas, indo de Lugo a Ferrol, de Ferrol a Coruña, de Coruña a Santiago, e logo a Pontevedra, Vigo, Ourense, e volta a Lugo. Trátase dun proxecto dun enxeñeiro ferrolán que prevé entre Lugo e Ferrol paradas en Outeiro de Rei, Vilalba e As Pontes... coincidiría pois coa rede de autovías existentes pero podería ser máis rápido, máis seguro e máis barato.

Sabido é que entre os proxectos e as realidades hai abismos de distancia, e que esto non é máis ca unha idea aínda que se supoña que pode estar en estudio por parte do Ministerio de Fomento para dar unha solución rápida ao transporte de viaxeiros entre as cidades galegas, dando vida a importantes poboacións e facilitando o fluir de pasaxeiros polo interior de Galicia.

Moito ten que facer o ferrocarril para volver a ter un papel importante nas vidas dos galegos. Moito ten que modernizarse a rede, e medrar e vertebrar Galicia arredor dunha rede de gran velocidade para que o ferrocarril se lle poida chamar medio de transporte en Galicia, aínda que loxicamente nunca se chegará ao que dixo Curros cando chegou o primeiro tren a Ourense, ao que calificou de "Cristo dos tempos modernos" polas súas posibilidades de salvación de Galicia.

Como idea é unha auténtica revolución. E como soño tampouco esstá nada mal. E xa que a vida e soño, pensemos que no futuro os nosos fillos ou os nosos netos poidan escoitar algunha vez en Vilalba polos altavoces dunha estación anunciar a saída do tren con destino a As Pontes e Ferrol, coa vella frase de "Viaxeiros, ¡ao tren!".

12 de abr. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión