Feira en Labrada

Xulio Xiz.- O tema das feiras está de permanente actualidade en calquera localidade do noso país, abarcando un abano amplísimo de productos propios de cada comarca, dando valor ao traballo de moita xente e proporcionando medios de vida ou complementos moi importantes nos ingresos das familias.

En Vilalba temos exemplos perfectos de potenciación de productos no capón, centrado no tempo do Nadal, no queixo de San Simón con varias empresas punteiras no sector, e o roscón vilalbés, que ten un bo camiño por diante. Capón e queixo de San Simón teñen feira propia e un mercado excelente, froito dun traballo de moitos anos e colaboración institucional e particular.

Tanto o capón como o queixo de San Simón teñen unha tradición de décadas de fomento, en base a centos de anos de historia, pero non ocorre o mesmo con outras feiras que van aparecendo, xa que cada localidade busca algún producto que a faga singular e constitúa unha boa disculpa para facer festa e que esta resulte rendible.

En Abadín inventaron a Feira do Grelo, que tamén nas Pontes se celebra algo así, e parece que da resultado este aproveitamento dun producto humilde que sempre tivemos como un complemento e que resulta imprescindible en platos tradicionais senlleiros de Galicia, tendo como exemplos máis sobranceiros o “Lacón con grelos”, e naturalmente ese caldo singular, invento dos devanceiros hai miles de anos e que cada día cobra maior importancia.

A máis recente destas feiras de que temos noticia na comarca chairega ven de celebrarse en Labrada de Guitiriz, onde veñen de celebrar a Feira da Verza e do Lacón cocido, con festa por todo o alto, aínda que para a cea recurriron ao churrasco, que resultar resulta menos enxebre en canto ao proceso de preparación.

Labrada de Guitiriz tivo sona hai arredor de novecentos anos cando alí e no Buriz había dúas granxas que o Rei Fernando II de León, por un privilexio de 1177, cedeu ao mosteiro de Monfero para axudar a financiar este histórico centro relixioso. E coñeceuse como Labrada do Buriz en tempos, sendo agora Labrada de Guitiriz para diferenciala das Labrada de Pobra do Brollón, Ourol, A Pontenova ou Sarria, dentro da provincia de Lugo.

En Labrada xurdiu hai uns anos unha chamada “Plataforma Pro Labrada” para lembrarnos a todos que Labrada existe e que quere un lugar na actualidade e na historia. Levan xa cinco edicións da Feira da Verza e do Lacón cocido, como poderían ter elixido calquera outro producto dos que dispoñen nunha parroquia nos límites dunha planicie coma a Chaira que vive da agricultura e da gandería de xeito especial.

E de repente lembramos a importancia da Verza, ese vexetal tan cercano sempre ás casas, en hortas ás que as amas de casa acudían a coller producto para facer un xantar familiar e cotián. Pois a Verza xa ten unha feira, aínda que tiveran que arrimarlle o lacón cocido para darlle máis forza e alicientes. O certo é que gracias á verza e ao lacón, Labrada ten a súa feira propia e colocou a súa actualidade diante de nós para ser protagonista alomenos unha vez ao ano.

Un triunfo para a plataforma Pro labrada, do que poden estar ben satisfeitos os seus promotores. Que vaian tomando nota todos os que queiran algo diferente – e rendible – para potenciar as súas parroquias e concellos.

02/05/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión