Galicia: austeridade e paro fulminante

Fermín Bouza.-

Na miña terra, Galicia, mentres moitos políticos locais seguen enleados coa famosa polémica bizantina do sexo dos anxos baixo diversas formas contemporáneas, e a falta dunha crítica eficaz e independente é abafadora e notoria, medra o  paro a grande velocidade, probablemente por mor dunha aplicación mecánica das instrucións gobernamentais, na liña da caída en picado da UE baixo mando alemán. Cando queiramos darnos conta xa non haberá enerxías para recuperarse.

Ese é o problema da austeridade, como resaltaron os máis senlleiros economistas. Todo isto non impresiona a quen segue a cíclica deriva alemá, que neste caso é a de facer prevalecer a austeridade sobre os mecanismos fiscais que favorecen a circulación do diñeiro para que este sirva ao investimento. Séguese anunciando máis paro e máis desastre.

Paralelamente, a política anuncia unha repetición aburrida do ciclo clásico, no que o PP leva toda a vantaxe. Os mesmos seguen facendo e dicindo as mesmas cousas para perder/gañar da mesma maneira. É o famoso problema da mesmidade. Ou, como diría Heidegger, a cousa cousea. Pois si, a cousa cousea.

22 de maio de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión