Logo do Dia (e para o que nos veña...)


David Otero.-

O día dezasete das nosas letras( galegas) estivo cheo de diversidade. A Lingua foi en parte do noso pobo ( que non en todo, que os había adicados a moitas outras labores e tarefas e xa que logo indiferentes ou mesmamente pasaban), pois foi, dicimos, ese poder enerxético que nos coloca, que nos pon a cen por diversas causas e por diferentes motivacións e medidas. Para uns a nosa Lingua seica vai apurada ( din que imposta)de moito estar por todos lados e daquela hai que freala, pois recorcio… non vaia ser. Para outros circula de a pouco paso, minguada e mirrada, lastimosamente marxinada e xa para outros ( por desgraza xa ben deles) que pinte do que lle pete, pois para estes últimos non toca a fanfarria, ou sexa que “ nin fu, nin fa”. De todas as maneiras e polo aprezado, diremos que pouco se foi do previsto. Tamén dicir que , referido ao noso idioma, por moito que se trate de silencialo non haberá silencio ( nunca máis o haberá). A dinámica da razón, da identidade, a do que nos determina aos que sentimos o orgullo de sermos galegas e galegos, afirmamos que non se nos para , nin se nos parará, con decretos, nin con mentiras, nin con medias verdades, nin matizando burdamente e malamente certos significados. Tampouco invocando a liberdade de comenencias ( a que lle direi que de opresión), nin con represión, nin con expedientes, nin con potenciar contencións, as cales por moito que se digan equilibradoras son claramente de ideas demoledoras, xa que logo, referido pois para o noso idioma, sono puramente dinamitadoras. E si que obedecen perfectamente a unha idea que se cristaliza nunha intencionalidade moi ben refllexionada, planificada, e posta en execución ata onde dea de si e se poida, que nuns lugares ( e pobos) será máis e noutros non tanto e así diante do visto poñen freo xa que hai que ir con tento, pois o choio pode volverse contra os propios demoledores brigadistas e derrubadores intencionados de idiomas nacionais, neste caso o noso, o galego, a lingua nosa de Galicia, a do Pobo do Galego.

De verdade que logo do día dezasete un vendo un algo do que pasou xa non sabe se cando algúns falan o fan simplemente porque se lle escapan as palabras ao botar respiro e ao alentar ou se pola contra o fan para querer diciren algo ao caso. O presidente da Xunta , posiblemente convencido dese facer que a nós non nos parece limpo, colle e tanto fala en español na Coruña como se proclama galego a toda marabilla en Vigo ( ao pé da vida, obra e memoria de Valentín Paz Andrade. E faino coa Academia Galega , a cal ten presentado recurso polo tratamento da nosa Lingua no xa famoso “ decretazo”( recurso que non anda alá moito). A el ao parecer tanto lle dá con tal de estar ( outra cousa é ser) e colle e ao referirse á nosa Lingua fala de “ pontes” e de “ muros” ( unhas para que e os outros de que, preguntamos). E nós dicimos sr. Presidente que a nosa Lingua é máis. A nosa Lingua é obra.

Por outro lado tanto se proclaman e anuncian, dáselle bombo, festas en galego e daquela péchaselle o picho da fonte a unha fundamental, o Correlingua, tan participativa, motivadora, de progreso e para sempre en clave de futuro. Concellos como o de Santiago ou A Estrada collen e póñenlle todas as chatas posibles e o segundo sácalle toda axuda por opinar que o texto gañador, o Manifesto de Correlingua, que foi elaborado por alumnos mozos do Centro Eso de Cesures, seica é excluínte. Habería que analizar o que iso ten de significado para estas autoridades (das cales diremos que non son siquera moi usuarios do noso idioma e sóbense ao “ machito” dando interpretacións, as cales xa de primeiras, e para non impoñer nada, sería discutibles e imos ver logo ao que chegariamos).” Haberá Correlingua se amañan o Manifesto “ (vaites, vaites).

Iso si, outros dos seus, van e din que Don Valentín Paz Andrade foi un innovador da Galicia moderna ( e desta contemporánea, diremos que non). Miren ben os nosos gobernates onde estamos. U a Galicia moderna…? ( pensen). Tamén definiron a Don Valentín semellante “ a cen chaves de luz” , pois ben, desde o goberno moito fan por darlle a esas para que apaguen as luces ( e a poder ser que se fundan as bombillas para apago de vez e punto da nosa Lingua, Cultura, Historia e Pobo ). Claro que o farían , pouco lles importa a definición dada ou o título que outorguen, claro que si o farían de nós non remedialo, de nós non coller folgos e orgullo, confianza no que somos, pois guste ou non, nós somos nós ( aínda que os haxa que queren ser outra cousa para non se alonxar do mundo, din, e miren a onde poden ir parar desa maneira, aínda que de momento zugan da cana e gozan dos cargos sen moitas cargas). E miren senón unha mostra. O voceiro do PP no senado, lugués el ( como así lles dá chamo aos das murallas e da contorna, o escritor Paco Martín) vai e nunhas declaracións nun xornal colle e di: “ Galicia é o modelo económico a seguir no resto do país”. Está preciso que ao dicir país, refírese a España ( ao estado) e nós preguntámonos se para Galicia deixa “ región”, “ barrio periférico marginal”, “ terra de aló e meighas”,” pobo da pota máis grande de polbo”( “nacionalgrastronómico”), pois para el Galicia…non será nación…ou?

Xa ven logo como imos, como nos queren levar e como nos queren traer. Ide a pola vila, ide…que nós estamos onde se cociña e as tixolas témolas polos mangos e os mangos das tixolas…tamén son nosos.Xa ven pois…que imos dicir…? Pensen no que nos pode vir senón facemos algo. Isto foi unha mostra de botón e xa que logo xa me dirán como será o traxe e as costuras.

David Otero é mestre e escritor

18 de maio de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión