Irlanda: negarasme tres veces...

Lucas Domínguez (Dublin).- 

Ollando para a situación Europea actual un non pode máis que lembrarse daquelas mañás dominicais de catecismo nas que no ar flotaban as primeiras dúbidas bíblicas. Grecia e Italia foron, ou son, guiados por líderes que non elixiu o pobo, en España os “mercaderes” fan cambalear a un país que noutrora foi un templo bancario, Francia cambia de goberno e fainos crer de novo que é posible a multiplicación dos pans e os peixes. E Irlanda, negaranos Irlanda tres veces antes de que caia o Euro?

As derradeiras enquisas sobre os apoios do Si e o Non ao Tratado de Estabilidade tampouco son de todo concluíntes. Segundo a enquisa de Irish Times/Ipsos MRBI as cousas andarían nun 39 % contra 30 % de votantes a favor do Si, cunha grande marxe de indecisos de arredor do 22 %. O outro 9 % ten claro que non votará.

Nesta situación os partidarios de unha e outra opción apuran as súas estratexias. Dunha banda os partidarios do Si, entre os que se inclúen os partidos que actualmente gobernan en coalición, o conservador Fine Gael e o socialdemócrata Partido Laborista, e aos que se uniu o terceiro partido en número de apoios, o liberal Fianna Fail. Os seus argumentos parten da base de que o Tratado fiscal proporcionará os cimentos para a recuperación e a futura estabilidade, por extensión falan de confianza, de máis traballo e de maior inversión estranxeira.

No lado oposto os partidarios do Non, co Sinn Feinn, o Partido Socialista e varios sindicatos á cabeza, basean a súa postura en que o país non debe consagrar as políticas de austeridade na Constitución. Habilmente, o propio Sinn Feinn fai uns días sacábanse da manga unha demanda á Comisión do Referendo por dar por sentado que Irlanda, no caso de gañar o Non, non tería aceso ao Mecanismo Europeo de Estabilización Financeira, mecanismo cuxo funcionamento aínda non foi fixado. O Alto Tribunal resolveu no día previo á votación e non admitiu a demanda. Aínda así, semella que o paso dado polos seguidores do Non fixo que a xente se cuestionara acerca da información recibida nas últimas semanas.

Hoxe mesmo varios membros de Occupy Dame Street (equivalente irlandés ao movemento do 15M) tomaron a sé da Comisión do Referendo. No seu facebook explican que a súa acción se debe a que os folletos con información sobre o Tratado chegaron tarde as casas dos cidadáns, impedindo que estes tivesen tempo para ler, investigar e entender o texto. Alén disto, consideran que a información está chea de ameazas sobre o que acontecería no caso de gañar o Non.

A experiencia dos anteriores referendos sobre os Tratados de Niza e Lisboa, engadido ao crecente desencanto co primeiro ministro irlandés Enda Kenny e o seu grupo de traballo, fai que os partidarios do Non manteñan intacta a fe nun resultado favorable.

Polo que puidera pasar, e para non confundir o divino co humano, a UE xa se anticipou e mudou as liñas necesarias da súa biblia político- económica. Agora bastará coa aprobación de 12 dos 17 países que forman parte do Euro para que o Tratado de Estabilidade entre en vigor.

A terceira negación de Irlanda, non suporía pois, a perda da fe no Euro e a política económica europea. Ou cando menos, iso me ensinaron a min os domingos de catecismo…

Foto: L.D.

31/05/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión