O gato quere cobrar

Fermín Bouza.-

Á unidade, algo maniaco-depresiva, ao redor da austeridade, sucede agora a incerteza de que alguén con poder veña dicir a Bruxelas que as cousas non van ben e que hai que cambiar. Esa incerteza empézase a notar en todo. O propio Rajoy estás máis inseguro nos seus recortes, e mira á Merkel, que apenas fala. As xentes da rúa, lonxe dos centros de decisión, entenderon á súa maneira que a base só de recortes non creceremos xamais, e empezan a entender que aquí hai gato encerrado, coma se alguén quixese cobrar o que supostamente lle deben polos seus malos negocios e p quixese facer xa e á nosa costa.

Non é estraño que una certa Europa reciba a Hollande de mala gana. Veu a romper a escenificación maniaco-depresiva e a modificar algunhas das terapias do enfermo nada imaxinario. Pero a incerteza leva tamén o nome de Grecia. Se houbese unha mellor regulación dos fluxos de capital non estariamos nesta. A idea dun liberalismo salvaxe xa é impropia dunha economía científica, e só cre nela a señora Aguirre e algúns economistas máis próximos á teosofía que a algo parecido á ciencia.

8 de maio de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión