Ouvean os cans á porta de Galiza

Xurxo Martínez González.-

            En dous anos fóronse tres homes-símbolo. Fóronse tres representantes do espírito dunha xeración practicamente extinguida. Fóronse Francisco Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo e Xaime Illa Couto.
            Tres homes-símbolo como esteos da grande obra porque con eles vai a memoria da República e do galeguismo. Neles estaba a memoria do mitin das Arengas do Partido Galeguista, as paroladas dos intelectuais no obradoiro de Ánxel Casal arredor do Estatuto ou os debates dunha mocidade punxente na Federación de Mocidades Galeguistas.
            Mais esta tríade de defuntos, que deixaron unha longa pegada na cultura e na sociedade galega, eran símbolos vivos dun xeito de comprender a fraternidade e de practicar o nacionalismo. Coas súas teimas, coas súas ideas, coas súas eivas; pero sempre ao servizo da nación, sempre atentos á colaborar, sempre preparados para acudir onde se lles chamaba. Atendían con igual interese  e hospitalidade ao rapaz có veterano. 
            Xaime Illa Couto foi o pulmón da Editorial Galaxia e xunto a Francisco Fernández del Riego (o corazón) e Ramón Piñeiro (o cerebro), puxo en pé a maior empresa da cultura galega do século XX. Porén Xaime adoita quedar diluído porque non foi home de letras nin de presenza pública. Mais era o fol que lanzaba o ar cheo de ideas. É a necesaria turbina que de xeito constante bombea a un colectivo.
            Non foi testemuña pasiva senón protagonista na fundación de Galaxia, na creación da Fundación Penzol ou na aparición da Revista de Economía de Galicia, que tan honroso servizo fixo á nosa terra pois precisabamos estudar a realidade socioeconómica. E alí estivo Illa Couto dirixíndoa inicialmente. Mais tamén estivo detrás da fundación da SEPT e da tradución da Biblia ao galego que, malia non sermos católicos, valoramos a importancia que ten para a normalización da lingua. Estivo detrás do lanzamento en Galaxia da colección Illa (Xaime Illa) Nova (Cristina Novoa, a súa viúva) e que segue viva. Poderíamos citar outras tantas iniciativas.
            Xaime tamén foi un debuxante con dotes. El é o deseñador do logotipo de Galaxia ou da revista Grial. Realizaba caricaturas con trazos sinxelos pero moi realistas. Unha faceta descoñecida.
            A Fundación Illa Couto, que guarece os arquivos de Xaime e desoutros irmáns Fidel e Ramiro, ten ante si a obriga de difundir o legado e a obra destes republicanos e galeguistas, que axudaron a comprender a realidade máis inmediata e puxeron parte da súa existencia na bandexa común da cultura.             
            Mais esta Galiza nosa despídeos oficialmente cunha túnica negra e moi folgada que agocha o corpo esquelético dunha terra chuchada pola crise, ninguneada por unha camarilla de filisteos e ofendida até na súa autonomía. Galiza despide a tres homes-símbolo agochando a cultura nun manto opaco mentres limitan con fachenda a expansión da maior arte da nosa terra, a que nos internacionaliza: o idioma galego. 
             Forman xa na ringleira interminábel da Alba de Gloria que é a metáfora da fe no noso pobo. Non renunciemos á forza que temos para transformar o mundo. Se outros practican o desleixo de nada vale sermos pranxideiras no velorio. Por iso Del Riego, Díaz Pardo e Illa Couto participaron nas actividades que xurdían dende a sociedade sen contar en numerosas ocasións co apoio do poder público. Convertéronse en símbolos porque, malia a ruda adversidade, procuraron as fórmulas para conseguir que Galiza fose tirando ese farrapo noxento que impide recoñecerse a si mesma. Foron e son símbolos porque no canto de estaren cruzados de brazos laiándose no parladoiro dun café, decidiron cismar e debater para dotar á nosa terra duns lentes propios. Collámolos e miremos.

1 de maio de 2012

1 comentários :

  • Una nación se hace lo mismo que cualquier otra cosa. Es cuestión de quince años y de un millón de pesetas. Con un millón de pesetas yo me comprometo a hacer rápidamente una nación en el mismo Getafe a dos pasos de Madrid. Me voy allí y observo si hay más hombres rubios que hombres morenos o si hay más hombres morenos que hombres rubios, y si en la mayoria rubia o morena, predominan los braquicéfalos sobre los dolicocéfalos, o al contrario. Es indudable que algún tipo antropológico tendrá preponderancia en Getafe, y ese tipo sería el fundamento de la futura nacionalidad. Luego recojo los modismos locales y constituyo un idioma. Al cabo de unos cuantos años, yo habría terminado mi tarea y me habría ganado una fortuna. Y si alguien osaba decirme entonces que Getafe no era una nación, yo le preguntaría qué es lo que él entendia por tal y, como no podría definirme el concepto de nación, le habría reducido al silencio.
    JULIO CAMBA, Maneras de ser español, 1918

    11 de maio de 2012, 15:25

Danos a túa opinión