Premios da AELG na Cea das Letras 2012



Redacción.- A novela 'Laura no deserto', de Antón Riveiro Coello, editada por Galaxia, recibiu o premio de Narrativa pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que celebrou na noite de onte sábado a súa gala anual para a entrega dos galardóns, bautizada como 'Cea dás Letras'. 

Xunto con Riveiro Coello, fíxose co premio na categoría de Infantil-Xuvenil o escritor chairego Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) coa súa obra 'Fantasmas de luz', editada por Xerais. Na mesma convocatoria, recoñeceuse a Bieito Iglesias como "a mellor traxectoria" de xornalismo cultural en 2011. 

Como mellor blog literario, o premiado foi Miro Villar por 'As Crebas' e, na categoría de Tradución, destacouse a Ramón Gutiérrez e as súas 'Sonetos de Shakespeare', editada por Xerais. En teatro, a peza 'Chegamos despois a unha terra gris', de Raúl Dans, tamén editada por Xerais, conseguiu o galardón. Na categoría de Ensaio, a premiada foi 'Vivir, unha aventura irrepetíbel: Biografía de Mª do Carme Kruckenberg', de Mercés Queixas Zas, editada por Galaxia. En Poesía, a premiada foi Alicerce Pallarés con 'Leopardo Son', editada por Espiral Maior. 

Rematado o fallo dos Premios AELG nas diferentes categorías literarias, procedeuse á entrega dos galardóns outorgados pola Asemblea Xeral de Socios e Socias da Asociación de Escritores, que recaeron nos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e nos servizos de normalización dos concellos, polo seu papel a favor do desenvolvemento da lingua galega. 

O encargado de recoñecer o premio pola "magnitude do seu traballo e implicación" foi o escritor Agustín Fernández Paz, un acto "simbólico" posto que el mesmo dedicou "unha parte moi importante da súa vida" a traballar para avanzar "no lento proceso normalizador" precisamente nos ámbitos escolar e administrativo. 

Para rematar, a asemblea de socios decidiu conceder o Premio Internacional da AELG 'Escritor Galego Universal' ao escritor José Luís Sampedro, para "significar o alto contido ético e estético" da súa obra e personalidade, "que o converte nun referente na defensa da dignidade humana". Por razóns médicas, o galardoado non puido desprazarse a Galicia para recoller o premio, aínda que no seu nome, leu unha carta o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.

06/05/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión