Adeus, Bernardo

Vicente Piñeiro González.- 

Bernardo García Cendán, In Memorian. 

Aquel día que presentei en Vilalba o meu libro, “A cova do Adeus”, que me editou o Instituto de Estudios Chairegos, Bernardo García Cendán non puido chegar a tempo á presentación.

Ao final todos marcharon e eu quedei un anaco na rúa falando co meu amigo Fernando Villapol. Pecharon o Instituto e cando xa me ía, apareceu.
—Ola Vicente, síntoo, non dei chegado a tempo á presentación do teu libro —dixo Bernardo.
—Non te preocupes, Bernardo, houbo xente abondo. Levo aquí uns libros e vouche dedicar un —dixen eu.

Deume as grazas e acompañoume até o meu coche que o tiña preto da casa do Concello, xa que eu regresaba para Lugo.

A noite estaba chuviosa e facía algo de frío. Andamos ata o coche e el foime dicindo que xa estaba retirado e que xa non exercía de crego. Semellaba que empezara a vivir nun mundo novo e redimido. Falamos do IESCHA, de Vilalba e dos nosos pais e avós. Da miña avoa Rosenda que el coñecera e do me tío Pepe, o gaiteiro, que tocaba a gaita e o Edelmiro o tambor polas rúas da vila cando viñan as festas de San Ramón.

Cando aquel día me despedín de Bernardo non sabía que era para sempre. Agardou ao pé do coche ata que arranquei e díxome adeus coa man e cun sorriso coma aquel que acaba de ler varios libros infantís e está louco de gozo por aquelas aventuras que pasaron por diante dos seus ollos.

Non volverei ver a Bernardo, non volvere- mos falar dos estraños camiños que colle a pluma e o escritor, que ás veces ela vai por un lado e o escri- tor por outro. Agora el foise coa súa substancia hu- mana ao outro lado da morte onde hai unha liña que divide o vivido e o que se transforma en eterno.

“…requisecant a laboribus suis, opera enim illorum sequuntur illos”, “…descansen dos seus traballos, pois a cada un lle seguirán as súas obras”.

Cada un será alí será o que fixo aquí e será xulgado e premiado coa compaña de Deus ou co afastamento del. Pero iso, e non fai falta explicar por que, non lle preocupa a Bernardo. Agora, entre os nosos mundos haberá unha comunicación, ás veces moi clara e ás veces estará bloqueada, pero grazas a nós, aos poetas, esa comunicación sempre será verí- dica e consoladora.

Descansa en Paz, Bernardo, eu rezarei por ti.

18/06/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión