Agresión a unha educación galega innovadora


David Otero.-

A verdade é que o deste goberno en Galicia non ten nome. Queren que arda a casa e que non se vexa o lume. E iso é imposible. Pois quen moito se baixan, coma eles, véselles. Calquera dos da casa grande, por seren conselleiras ou conselleiros, collen e póñense a falar de todo sen a menor medida. En ben das veces con chulería e chegan ao discurso da humillación. Deberían conterse ( que iso é respectar) que hai que ver como nos tocan a pabana.Non dan case unha. Pero non se cortan un pelo.Dan carrete a farto como facendo ver que antes deles…ninguén. Chegaron e din que puxeron as fontes limpas.E dígolles que mal, que ter esperanza en que tomen a cousa como é debido será como agardar a que se afunda a cortiza. Nada de nada.E ben que gustaría ver polo menos un burato de transparencia polo que mirar un algo de paraíso e de futuro, pero non. Direi que se lle fai imposible.
Alí na oficina de mandados están noutro mundo e se algo vai a dereito será co andar do tempo na natureza.E iso sae moi caro.Polo tanto faise necesaria unha emenda á totalidade tomando pola nosa parte a decisión de construír horas para o regreso, pois se non hai alternativas a cousa non avanza. Temos que facelo en pouco tempo e non para cando o arado tire polas vacas xa que necesitamos un regreso xusto e comunal alí a onde queremos ser alguén no mundo, pois o de arestora é leña que levamos ás costas e por riba para que sirva de mantenza para o lume que nos queren prender. Como dicían os indios hopi ( e tal profecía): nós somos aqueles a quen estivemos esperando( que xa debemos estar cansos de agardar polo outros salvadores).
O sistema non pode seguir blindado para que sempre gañen os mesmos. ¿ Que tal un motín a bordo no canto ser orquestra do Titanic? ¿ Que tal unha verdadeira marea creativa? Xa que logo acabouse a procesión penitente dos caladiños Xa está ben. Poñámonos en verdadeiras ilusións democráticas.Neses do goberno nada hai do referido ao noso.
Pois daquela vexan que así entre unhas e outras, que non son poucas, queren darlle “ finiquito” a Preescolar na Casa ( PnC). O asunto claramente vai de ideológico. Non pode ir doutra. Nós xa estamos fartos de confesións puras. As dos que se din “ apolíticos” ( e que o que fan non é “ política”, que é austeridade e bo goberno e miralos como viven dela, da política que fan…).
¿ Xa que logo e tocante a PnC, el como van querer os de arriba un ensino integrado ( e integrador) “ in situ” onde se desenvolve ? ¿ Como van querer un ensino afectivo, real, en galego? ¿ Como van querer que as cousas melloren onde eles non interveñen ( e si interfiren)? ¿ Como se pode permitir o início significativo de as nenas e os nenos, seus pais tamén, e comprenderen onde viven e así facer traxectos de transformación e de mellora ( participando vivamente, mediando e educando, a familia e demáis membros do lugar, da comunidade educativa)? ¿ E os discurseadotes, con presenzas de pareceren trascendentes, cando entenderán que a prevención e a intervención educativas son unha responsabilidade ( ou chámenlle investimento de alta rendabilidade) e non un gasto ( así de frío propio de contas de despachos con cabezas non moi ben amobladas).Falar con chulería, E como se o mundo dependese deles ou como se o trato fose para uns mangantes aproveitados ( digo os ensinantes sobre todos) falar con tanta chulería prepotente de financiamentos ( auto) e que xa son horas de poñerse a non pedir e que houbo tempo para proverse, iso soamente se define nun ataque frontal a un traballo colectivo e interdisciplinar de anos. Un ataque intencionado a unha idea consolidada e valorada aquí e fóra de nós. Unha proposta pedagóxica cualitativa e exemplar, pública, a de PnC, moderna e viva, tan en medio sempre de dificultades e inseguridades, de forras e de atrancos. Que mal se entende a proposta de PnC ( e non é de estrañar pois de ensino falan todos e todos dan carrete con palabrería de abondo cada vez tan oca como interesada, ollo, tamén ideoloxizada que non é moco de pavo). Pois ben e referido a PnC volvemos ao asunto e preguntámos: ¿ que entenden os discurseadores ( e as) por escolarización? , ¿ que saben do que pasa nos espazos de relacións educativas? , ¿ que entenden por integración e por feitos educativos afectivos comunitarios, vertebradores, que dan valor absoluto ao propio territorio non que se desenvolven? ¿ saben ( ou xa delegaron) de que as familias exercen, en especial nas idades de PnC, un facer plenamente educativo ( “ in situ” e non “ in vitro”) ? ¿ hai dereito á educación e desde cando? ¿ quen lle pon barandas ao mar?¿ é desexable a educación sentida e comprensiva ? ¿ que tal a valoración das competencias , tamén as das familias integradas na educación? ¿ que tal aprender, educar e educarse, de e cos demáis? ¿ soamente hai que ver o dicir de vello: “ téñame conta deles e de paso se aprende algo…? (pois para iso valen unhas paredes e canto máis frías mellor) ¿ quen lle dá importancia e ter en conta á “ nai, pai, educadores”? ¿ quen pensa que as cousas deben levar moitísimo cariño?¿ quen pensa en que os sinais primarios e os signos só collen os seus significados na linguaxe e así na lingua propia adquírese o sentimento? ( e agora dirase, que xa vale, que iso non ten a menor importancia invocando plurilingüismos).
Velaí o que escribiu Joao dos Santos ( e nós referimolo aos poetas de PnC): “…non tardarán en entrar nunha escola onde xa non lles permiten que as nenas e os nenos non fagan investigacións lingüísticas, nin poesía…terán que aprender a ler e a escribir como se aquilo, o de antes no PnC, non tivese nada que ver coas súas experiencias anteriores cando experimentaban, observaban, relacionaban, falaban, xa que as nenas e os nenos móvense, brincan e xogan consigo mesmo, coas cousas, cos demáis e cos adultos. Xogan e experimentan para saber e intervir. Xogan e experimentan as súas emocións, os seus afectos e asemade as dos demáis.”
E así as cousas… o mellor para os (as) que falan tal gobernadores desde cargos,
sabendo pouco de educación e de proxectos cualitativos pedagóxicos ( no sítio) tan necesarios cono innovadores, collan pois e metan aos rapaces nas escolas bonitas de cemento e cristal, con moito plástico, e póñanos a correxirlles os vícios de leren teimosamente na natureza, nas persoas e nas cousas. Que sexan totalmente alleos, pasivos, a vivenciar e integrar os saberes.
Poden exclamar ( tocante aos que levamos tantos anos no ensino e así nas aulas e nos espazos educativos): ¡ ai velaí xa a secta maldita dos pedagogos…que xente…! Mentres tanto nós seguiremos colocándonos diante dos canóns e se for o caso…caer con dignidade, pois temos que facer todo o posible para salvar o que nos queda dos nosos soños, Saiban quen queren tomar medidas raras, para anular PnC, que os éxitos, de habelos, darannos forzas e os fracasos ( que os hai e que tamén os intuímos) estimularán as confianzas nas nosas posiblidades.
Dicirlles que van equivocados e por riba triunfantes. E xa se verá. Desde logo quen dispoñen sobre PnC mal fan certo o aquel de que quen ensina aprende dúas veces, pero…virán os tempos de pedir responsables do que se fai…ou?


David Otero é mestre e escritor.

26/06/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión