Bernardo na súa vila alta e húmida

Fermín Bouza.-

Os sociólogos somos esa especie de mozas e mozos para todo que o mesmo opinan de Belén Esteban e o seu poder sobre o pobo que da estrutura social da Mongolia Exterior. Sabios universais, é grazas a nós que as emisoras, xornais e demais medios de destrución masiva chegan ao público con profundidade e eficiencia.

Así quero empezar hoxe, en plan sociólogo borde, lembrando a un sociólogo galego, bo amigo, que acaba de marchar a outro mundo sen dúbida mellor que este, mundo no que cría, como cura que foi e era, e mundo no que estará a ollar os desastres deste coa mesma pena e dor que levaba como sociólogo terrestre, pois dubido moito que o ceo nos libre de todo sentimento.

Bernardo García Cendán, formado, entre outros lugares, na Universidade Católica de París e profesor da de Santiago, entre outras, pertencía a esa clase de cregos aos que o fin do vello réxime, nos seus duros estertores, foilles facendo a vida imposible. E el estaba, ademais, en Ferrol, lugar clave da loita obreira e antifascista en Galicia.

Era Vilalbés de Vilalba de Lugo, vila que hoxe o chora,  como Rouco, Fraga, o escritor e reitor Villares, o filósofo e escritor Antón Baamonde, o tamén reitor e estudioso literario Darío Villanueva, Ramón e Xosé Chao e tantos outros ilustres da comarca, como Lois Pena Novo, un dos grandes galeguistas iniciais, alá pola preguerra. E non cito a xentes da miña familia por vergoña toureira, pero tamén andan aí algúns deles e elas.

Vilalba é unha terra especial, entre rústica e sabia, terra da nación Andrade e da Terra Chá ou Chaira, cantada polo poeta Manuel María: A Terra Chá somentes é: / un povo aquí, outro acolá, / mil arbres, monte raso, / un ceo chumbo e tráxico / non que andan as aves a voar./Ou resto é soedá. Como mínimo, vía a Bernardo no San Ramón, patrón de Vilalba e motivo de festa no fin de agosto, momento en que a miña muller, Carmen Pena, o meu fillo Fermín e eu mesmo nos achegábamos a Vilalba desde Pontedeume a celebrar o día do santo, como ten que ser.

Algunha vez nos vimos na miña casa de Pontedeume, con Xosé Leira, outro sociólogo galego, creativo e poeta da tribo ferrolá. Falei de todo con Bernardo e sempre atopei nel esa sabedoría do que non acaba de convencerse da súa sapiencia e lucidez: é a humildade, na súa mellor versión.

Por certo, as Vilalbas do Reino de España, e con máis razón as do Antigo Reino de Galicia, non son Vilas Brancas, como se di nos folletos turísticos: son, probablemente, vilas altas e/ou húmidas, en pura raíz celta, como a "pérfida ALB-ión". Bernardo, seguimos coa caña.

18/06/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión