Cambios no nacionalismo galego

Fermín Bouza.- 

Axiña serán as eleccións galegas e o nacionalismo galego, de importancia histórica superior de feito á súa actual porcentaxe de representación, podería ser a clave de bóveda tanto do triunfo da esquerda como dun fracaso absurdo nunha situación óptima para o contrario.

Ademais do BNG, e desparecido de feito o PG (partido histórico do galeguismo), novas formacións nacionalistas, na súa maioría escindidas directamente do mesmo BNG, aspiran a convencer e a ocupar praza parlamentaria. Se o fan e iso non repercute no BNG, é probable que a esquerda gañe as eleccións.

Para obter escanos necesitan remover a conciencia dos abstencionistas e roubar voto nacionalista ao PP, que ten unha interesante porcentaxe dentro, herdanza dunha parte fundamental do vello e importante galeguismo de preguerra. Teñen un problema estas novas forzas que van ir, probablemente, unidas: son un produto do debate político na esquerda, e a maioría electoral para a vitoria podería estar máis ao centro, que é o lugar no que a esquerda podería gañar algún escano. Átame ese can polo rabo, que dicían os clásicos.

Cando a esquerda era esquerda histórica estes movementos estratéxicos eran normais, pero hoxe, cando a esquerda, xa desmilitarizada, é tamén algunha forma de expresión persoal por encima doutros intereses, pode máis o narcisismo que a estratexia. Entón dicíase que era pequenoburguesa unha esquerda que tal cousa facía, pero ese retrouso crítico xa non serve para nada: o mundo é unha enorme piscina en plena operación bikini, con crise ou sen crise.

04/06/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión