Faleceu Bernardo García Cendán

Redacción.-

Bernardo García Cendán, crego e profesor de socioloxía da Universidade de Santiago, faleceu esta tarde logo dunha longa doenza, aos 71 anos de idade.


Nado en Vilalba en 1941, marchou moi novo ao Seminario de Mondoñedo onde cursou a carreira eclesiástica. Licenciouse en Filosofía na Universidade Católica de París e na Pontificia de Salamanca, e en  Socioloxía pola Universidade de París. Foi profesor no Seminario de Mondoñedo e posteriormente párroco de Nosa Señora do Socorro de Ferrol até o ano 1987. Simultaneamente foi profesor da Escola de Relacións Industriais de Ferrol. Durante os anos que pasou na cidade departamental participou activamente na súa vida sociocultural, coa fundación de institucións como o Ateneo Ferrolán ou ASFEDRO para asistencia da drogadicción. Dirixiu a Oficina de Socioloxía da diocese de Mondoñedo. Desde 1987 exerceu como profesor de Socioloxía na Universidade de Santiago de Compostela, no Campus de Lugo.

Foi membro fundador da revista "Encrucillada" e da Asociación "Irimia". Coautor dos libros Meudon, une approche pastorale (París, 1970) e Catolicismo en España (I.S.A. Madrid, 1985). Tamén da súa autoría é o capítulo "Ferrol, estructura e identidade" do volume O Feito diferencial galego, tomo III, editado polo Museo do Pobo Galego, 1991. Colaborou con artigos en prensa, pero especialmente en diferentes revistas como a citada "Encrucillada", "Lucensia", "Guía dos Libros Novos", "Tempos Novos", "Irimia", etc. Tamén compuxo textos para cantos litúrxicos así como outros que foron musicados polo Padre Feixóo, Miguel Varela e por grupos folk como Fuxan os Ventos ou Saraibas.

Activo participante na vida social e cultural da súa vila natal nos ultimos vinte e cinco anos,  animou iniciativas como o Instituto de Estudos Chairegos. Foi colaborador d´A Voz de Vilalba, onde publicou durante varios anos a columna semanal "Cartas a Antón".

O profesor García Cendán será soterrado o vindeiro xoves, 14, no Cemiterio Municipal de Vilalba.

O pasado ano, este xornal publicaba no Nº 4 da súa edición en papel unha entrevista con Bernardo García Cendán, que reproducimos como lembranza e homenaxe:

Café no Parador con… Bernardo García Cendán, profesor. 

“En maio do 68 podíase vivir a utopía, agora non”

Vilalbés de 1941 e da Praza de Santa María. Aínda que naceu no Calvario, pasou a súa infancia e mocidade entre a rúa do Sol e a barbería do seu pai, Severino, que era un lugar de encontro e debate no que se daban cita moitos veciños e onde predominaba a amizade sobre a ideoloxía. Nese escenario descubriu as súas vocacións e, como consecuencia, ordenouse sacerdote e licenciouse en Socioloxía.

P.- A súa ordenación sacerdotal foi unha decisión difícil… 

R.- Foi difícil, porque comecei unha cousa que me gustaba -ser crego- por todo o que conlevaba (o ambiente, o folclore externo…). Vía que os seminaristas o pasaban moi ben, e a min acontecíame o mesmo. En plena mocidade, e sobre todo nus anos especialmente complexos –a década dos 60– decateime que vivía nunha rutina que non satisfacía o meu espírito xuvenil, pois tiña anceios de verdade e sinceridade. Antes de tomar a decisión definitiva e, dacordo co bispo, pasei algún tempo en Ferrol, con Pepe Chao, Gabriel e outros amigos que tiñan un papel destacado na cidade departamental, que para nós simbolizaba todo o que se podía entender entón como unha urbe moderna (o Ferrol industrial, o mundo obreiro…) e supoñía un contraste forte para unha mentalidade esencialmente rural como a galega.

P.- E contou co apoio da familia, en concreto do seu pai. 

R.- Sempre. O meu pai era un home moi sensato, de mentalidade aberta, e deseguida deuse conta das miñas inquedanzas. Recibín unha carta súa a véspera da miña ordenación, na que dicía “por nós non o fagas, non pasa nada se agora cambias de opinión”. A miña decisión obedeceu a un conxunto de circunstancias no que tiveron que ver a xerarquía, os bispos, os compañeiros, os amigos e a familia.

P.- Que lembranzas garda do seu pai, Severino, o barbeiro da praza? 

R.- El recibía moitas visitas na barbería, que era un lugar de encontro, de tertulia, onde se compartían opinións de todo tipo. Non se mantiñan discusións, senon que se celebraban verdadeiros coloquios e predominaba a amizade sobre a ideoloxía. Alí xuntábanse dende o Salvador do Pequena até o Cernadas, Antonio Eimil, Santiago Mato… por sinalar algunhas persoas con diferente forma de pensar e de defender a súa ideoloxía. E foi alí onde naceu a miña outra vocación: a Socioloxía.

P.- E no 68 marcha a París… 

R.- Tras a miña ordenación, o bispo e o reitor do seminario pretendían que fora a Madrid para estudar Ciencias Exactas na Universidade Complutense. E eu estaba disposto a facelo, pero insistín en que os meus gustos ían por outro lado. Entón xurdiu a posibilidade de ir a París; fun ao rematar o curso e, polo tanto, vivín as consecuencias das revoltas meses despóis, en setembro do 68. Os profesores non sabían como reaccionar, había un descontrol enorme, os alumnos tampouco eran capaces de concretar as súas propostas para mellorar o sistema… Vivín con moita intensidade as manifestacións e as concentracións nas rúas, como se agora estivera en Madrid e participara no movemento 15-M.

P.- Que semellanzas e diferenzas atopa entre o maio francés e os indignados?

R.- No maio francés estabamos nun bo momento: era un período rico, a parte alta do ciclo económico, no que a xente non tiña tantos problemas de emprego. A dificultade radicaba en cómo distribuír a riqueza que se estaba xerando. En maio do 68 podíase vivir a utopía, agora non. O de París foi unha cousa espectacular, pois todo discutíase en todas partes. Por exemplo, na miña parroquia (Saint Martin de Meudon, preto de Versalles) facíase a misa, e de súpeto déronse conta de que tiñan que organizar asembleas. Era unha parroquia moi activa: un dos cregos que estaba comigo acabou sendo conselleiro do subcomandante Marcos, e finou nun accidente hai pouco.

P.-Considera que as propostas do 15-M acabarán sendo absorbidas polos partidos políticos? 

R.- Non creo que o movemento chegue a converterse en partido, xa que de ser así remataría por transformarse nunha organización. Coido que terá que mobilizar á xente actual dos partidos para que estes subsistan. Chega con ollar as últimas enquisas do CIS. E a Igrexa como institución tamén perdeu popularidade, os bispos un pouco máis abaixo, pero no fondo de todo están os partidos políticos e finalmente os seus representantes. É obvio que non ilusionan nada.

P.- Aterra na Igrexa tras o Concilio Vaticano II e participa en boa medida nesa renovación. 

R.- Ao final a forza institucional é moi grande e maniféstase dunha maneira máis ostensible, pero queda moita xente que levamos aínda no espírito aquilo que nos moveu inicialmente; pero iso non se traduciu dabondo en xuventude. Foi tamén a gran época da secularización e, en España dunha maneira moi especial, estámola a vivir agora e da forma máis intensa. Hoxe falas cun calquera raparigo e dislle a palabra eucaristía e non ten referencias. Este é un dos indicadores máis fortes de secularización. As referencias que había desapareceron a día de hoxe, e neste momento a Igrexa experimenta un movemento de recuperación da disciplina.

Moncho Paz & Paulo Naseiro 
Fotografía: Alba S. Naseiro

MOI PERSOAL 

Unha cor. Verde.

Un viño. Non teño preferencia por ningún.

Un prato. Calquera tipo de arroz.

Unha canción. “Adiós ríos, adiós fontes”, por Amancio Prada.

Unha orixe. A Praza de Santa María de Vilalba.

Un destino. Un mundo solidario.

Un libro. “A construcción da realidade”, de Peter L. Berger.

Unha película. “O evanxelio segundo San Mateo”, de Pasolini.

Un recuncho de Galicia. A entrada da ría de Ferrol, entre castelos.

Unha lembranza da vida. O día da miña ordenación, en xuño de 1965.

Unha árbore. O carballo.

12/06/2012

1 comentários :

Danos a túa opinión