Reclusos de Teixeiro en Vilalba

Xulio Xiz.-

A verdade é que eu os xornais, máis que lelos ou óllalos, folléoos, paso as follas, de xeito que vexo os titulares á vez que, como dicíamos de pequenos, “vexo os santos”, ou sexa miro as ilustracións... e só me paro no que a simple vista me parece importante entre a diversa faramalla que normalmente non me da tempo a ler.

Hai xa tempo, pois posiblemente seis meses, chamoume a atención a nova dun taller de elaboración da xabóns no centro ocupacional de Vilalba, e recortei a noticia por se nalgún momento tiña ocasión de comentalo. Porque me impactou ver xente vilalbesa coñecida e amiga, voluntarios do centro sociocomunitario da terceira idade de Vilalba, que participaron nun taller no centro ocupacional vilalbés, onde os usuarios das instalacións – dicíase- compartiron cos voluntarios a súa experiencia na fabricación de xabóns decorativos que eles comercializan. Xa tiñan como antecedente o ter compartido un taller de elaboración de adornos navideños.

Noticias coma esta veñen lembrarnos aos que temos por profesión ou afición o xornalismo, a necesidade de que demostremos que non é verdade que unha boa noticia non sexa noticia. Alomenos, a min, ver aqueles amigos colaborando nun centro ocupacional, emocionoume.

E lembreino agora, ao saber que reclusos de Teixeiro sairon o mércores do cárcere en saída terapéutica, para levar a cabo accións de voluntariado en colaboración coa obra social de “La Caixa”.

Ese día reuníronse no Centro ocupacional do Polígono “As Sete Pontes” de Vilalba, para impartir unha charla ós usuarios do noso centro sobre como reutilizar o papel para a elaboración de traballos de cestería. Viñan
acompañados de voluntarios participantes do programa de maiores Gente 3.0 da obra Social da Caixa, e despois da charla compartiron un xantar internos, usuarios do centro e voluntarios maiores.

O obxectivo principal desta saída do cárcere é orientar e preparar aos reclusos de cara á súa próxima reinserción na sociedade. E a min, que queredes que vos diga, que tiña a cabeza chea de festas do Lume Novo e do Arde Lucus como potenciación do tradicional e histórico no lecer e na festa, ao enterarme desto cambiei rapidamente de tema porque considero que maiores, presos e usuarios do Centro ocupacional son protagonistas dunha das máis grandes noticias que recentemente se produciron en Vilalba.

E a un, que xa vai vello, emociónano estas cousas.

28/06/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión