Un príncipe e tales salarios

Fermín Bouza.- 

A verdade é que non resulta demasiado alentador que o príncipe se decante por unha opción económica tan marcada e os seus métodos de análise (os nosos salarios, o noso goberno) que, ademais, nestes momentos están en cuestión e están a ser repensados e revisados.

Se cadra é moito pedir que mire non só a esa clase de centros académicos tan orientados e lea cousas de interese dos economistas máis críticos e que tratan de abrir camiños para que isto non volva repetirse. Non son os salarios os que nos trouxeron aquí, pois este é un país de baixos salarios e graves diferenzas sociais, cousa que saberá a pouco que se documente: foron os créditos oportunistas, acientíficos ou mal medidos, que se moveron por Europa á caza de altas rendibilidades. Fracasaron e afundíronnos a todos.

Iso e outras cousas, pero non os salarios en si mesmos, por máis que unha desvalorización clásica afectou aos salarios reais, loxicamente. En todo caso, non se esqueza que vostede será no seu momento un mediador e miraráselle así, como ao seu pai, de cuxa calidade política no oficio ninguén dúbida, e iso é o importante, o demais son cousas menores que a min importanme moi pouco, pero si me inquieta esa idea económica que vostede parece ter e dicir.

Non é exactamente correcta, nin xusta nin moderna: responde a un mundo que se vai indo. Non é economía: é ideoloxía. Non o capta?

21 de xuño de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión