Visitas ás igrexas

Xulio Xiz.-

Nos meus tempos mozos era forzosa costume ir á igrexa os primeiros de mes, domingos e festas de gardar, e ata aos rosarios diarios, que a devoción imperante marcaba costumes e calendarios.

Daquela as igrexas enchìanse con xente maior e máis nova, e se na cidade había o costume de ir en familia aos cultos, nas aldeas existía a necesidade de turnarse para seguir atendendo a facenda, e á misa dos domingos asistía alguén de cada casa, ou varios, pero sempre quedaba alguén facendo a comida e atendendo ao gado.

A igrexa era o punto de reunión da parroquia, e o adro lugar de xuntanza alomenos semanal onde se facía repaso puntual e exhaustivo de todos os acontecementos dos que se tiña noticia.

Este aspecto sigue aínda vixente, e parroquias hai – por exemplo, os Milagros de Saavedra- onde a misa diaria concita a reunión da maior parte dos maiores da parroquia, chegando media hora ou unha hora antes para os conseguintes parrafeos no adro parroquial.

Estas visitas ás igrexas das que falo son as normais, de xentes que acuden movidos pola fe ou pola xuntanza. Pero hai outras visitas, non previstas, a destempo, que fan os amigos do alleo pensando que nas igrexas van encontrar botín sustancioso en tempos de economía problemática.

As igrexas da Terra Chá teñen sufrido ben visitas destas, nocturnas e violentas, buscando recaudacións ou imaxes, o que motiva que se tomen as medidas oportunas, aínda que non sempre sexan do agrado dos veciños e mesmo dos responsables da decisión correspondente.

Parece que os responsables destes intentos de roubo nas igrexas non están moi ao tanto do que ocorre nos templos, xa que as recaudación das misas, que case nunca son moi sustanciosas é costume que alguén da parroquia as leve para custodialas ou ingresalas nunha entidade bancaria. E as imaxes, cando son valiosas, case sempre están na casa dalgún veciño custodiadas para evitar precisamente a súa desaparición.

A pesar diso, os cacos seguen entrando ou intentando entrar nas igrexas, causando danos máis costosos que o que poden roubar, provocando unha sensación de inseguridade á que haberá que poñer coto nalgún momento aínda que sexa con solucións que agora non se nos ocorren.

A vixiancia con cámaras, é costosa; as alarmas, por estar en lugar aillado, non funcionan; as pechaduras por moi complicadas que sexan acaban rebentadas... Pero aínda así, algo haberá que inventar para conseguir que as igrexas non sigan sendo visitas por indesexables.

En tempos, era impensable que unha igrexa puidese ser obxecto dun roubo. Na actualidade, esquecidos os prexuizos relixiosos ou sociais, son o obxectivo máis directo dos amigos do alleo.

Sempre se dixo que os españois iamos detrais dos curas, ou en procesión ou perseguíndoos. Polo que ás igrexas se refire, e atendendo a estes casos extremos, pasamos de ir ás igrexas a rezar a ir roubar nelas. Moito traxecto é este para recorrelo en tan pouco tempo.

22 de xuño de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión