Agustín, coherencia e compromiso

Moncho Paz.- Podemos dicir que a literatura infantil e xuvenil consolidouse en Galicia nos últimos quince anos, tanto no eido da creación como no editorial, “pero aínda faltan canles para chegar aos nosos potenciais destinatarios”, en opinión de Agustín Fernández Paz, un dos autores galegos máis laureados e traducidos.

Escritor fundamental para as nosas letras desde que colleu a pluma por vez primeira a finais dos oitenta, Agustín está permanentemente interesado en abrir fronteiras. Non en balde, conta con múltiples recoñecementos internacionais. O máis recente en 2011, co VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil; e no que se refire a Galicia, a pasada primavera recibía o último deles: o galardón da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) pola súa obra “Non hai noite tan longa”, editada por Xerais.

Agustín autodefínese como lector antes que escritor. Se hai unha palabra que caracteriza á súa traxectoria, esa é “coherencia”. Co seu pensamento e co seu tempo, o que lle levou a rexeitar o Premio Cultura Galega en 2010, que lle concedía a Xunta de Galicia na modalidade de “Literatura”. Por compromiso co noso idioma -en calidade de autor de numerosos artigos sobre normalización lingüística- e tamén en consonancia co manifesto da Plataforma ProLingua, que precisamente lle tributou hai poucos días unha calorosa homenaxe en Vigo, a súa cidade adoptiva.

Nado en Vilalba en 1947, a súa dedicación á literatura xurdiu tras unha infancia arrodeado de libros de aventuras, sempre motivado polo seu pai “que antes de deixarnos ler os contos, primeiro nos falaba deles, de tal xeito que nós agardabamos a súa lectura como quen agarda un acontecemento”, lembra con frecuencia. Na súa obra atopamos unha mistura de realismo e fantasía como denominador común, pois considera que o concepto que temos da realidade é moi estreito e cecáis a literatura é o camiño ideal para trascendelo: “en ocasións descobres que a realidade é máis fantástica que a propia fantasía”, apuntaba Fernández Paz hai anos nunha longa conversa que mantivemos na casa familiar da Terra Cha.

Unha literatura infantil axeitada debe ser creativa, divertida e, ao mesmo tempo,  propoñer unha visión do mundo. Esa é a verdadeira intención de Agustín, chairego universal que leva á practica o principio clásico de Horacio: “prodesse et delectare”, ou sexa, o carácter bivalente que debe ter unha obra literaria para entreter e, á vez, ensinar.

16/07/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión