Dixitalización dos fondos da Fundación Granell


Redacción.-

Os fondos da Fundación Eugenio Granell catalogaranse e dixitalizaranse para poder ser consultados na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad e a directora da Fundación Eugenio Granell, Natalia Fernández Segarra, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a recuperación, conservación e difusión do fondo bibliográfico e artístico do pintor galego.

Os legado do pintor surrealista é un tesouro bibliográfico, documental e artístico fundamental para a conservación e a difusión da cultura galega. Este convenio entre a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Fundación Eugenio Granell para a dixitalización dos fondos permitirá que este patrimonio sexa accesible e poda ser estudado por calquera cidadán a través de Galiciana, a Biblioteca Dixital de Galicia.

Deste xeito, aproximadamente, dixitalizaranse un total de 3.602 rexistros e 1.380 imaxes. Entre estes fondos inclúense a catalogación analítica e dixitalización, para a súa conservación, de artigos de prensa escritos por Eugenio Granell entre os anos 1940 e 1994. A maioría destes artigos publicáronse en xornais como La Nación de Santo Domingo (República Dominicana), España Libre (Nova York) e Diario 16. Aproximadamente son 580 artigos e 580 imaxes.

Doutra banda, o convenio de colaboración tamén inclúe a catalogación e dixitalización, para conservación dos orixinais, da correspondencia enviada e recibida por Eugenio Granell con personalidades como Miguel Abalo, Juan Andrade, Víctor Alba, Mauricio Amster, Jordi Arquer i Saltor, Pedro Bonet, Jose Capdevila, Francisco del Cabo, Costa-Amic, Forgás, Andres Garcia de la Riva, Julian Gorkin, Ignacio Iglesias, Agustín Lafuente, Mary Low Machado, Joaquín Maurin y Jeanne, Lino Moulines, Narcis Molins i Fabrega, Jordi Planes, Victor Serge e Wilebaldo Solano entre outros. Dixitalizaranse aproximadamente arredor de 400 cartas e 800 imaxes dun total de 22 rexistros.

Asemade, esta previsto catalogar unha parte da biblioteca persoal de Eugenio Granell, concretamente a de temática surrealista e política, onde se inclúen un total de 3.000 rexistros.

07/07/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión