A longa viaxe

Mario Paz González.- 

Como moitos outros, eu era dos que acostumaban guindar directamente ao lixo as páxinas salmón que viñan os domingos co xornal. E facíao sen remorsos, sen molestarme o máis mínimo en ler o que, para min, non deixaban de ser abstrusos textos sobre economía que nunca fun capaz de entender pois, como dixo Vicente Risco, os que xamais tivemos cartos podemos permitirnos esa elegante ignorancia.

Pero agora, pasados os anos, un pensa que, en realidade, hoxe debería ir ao lixo o xornal enteiro, pois é coma se todo el estivese impreso en papel salmón. As novas adicadas á economía non só choutaron desde das páxinas finais –onde antes ficaban agochadas nunha case anónima marxinalidade, xusto despois dos deportes–, ás primeiras, mesturándose non só coas novas nacionais e internacionais, senón tamén –doe dicilo– coas adicadas á cultura. Se cadra o único que evita que un reproduza co xornal enteiro aquel mesmo xesto atufado ou inxenuo –segundo se queira xulgar– de arrebolalo ao lixo, como antes facía co caderno salmón dos domingos, é que, malia todo, un non desexa privarse desa magnífica mostra de prosa viva que supón o traballo xornalístico. Por iso, ante esa inevitable fatalidade de que o relacionado coa economía e coa crise o teña dominado todo, hai uns días, de xuntanza cuns amigos, elaboramos unha bastante axeitada listaxe de películas, cancións ou libros de calquera época que, sen ter relación directa coa conxuntura actual, semellase, ao lelos ou relelos hoxe, que estivesen a referirse directamente a ela. Como non penso comentar aquí a listaxe completa por non anoxar ao improbable lector, citarei só un dos relatos que, polo menos para min, mellor representa unha metáfora do que está a acontecer hoxe en Europa e, se cadra, noutros lugares do mundo. Trátase dun conto de Leonardo Sciascia que leva por título “A longa viaxe” e que foi incluído no seu libro Il mare colore del vino, de 1973. Nel o escritor italiano relata a historia dun grupo de humildes campesiños de Sicilia que, logo de vender todas as súas pertenzas, son recollidos nunha praia deserta polo barco dun tal señor Melfa que os vai levar á soñada América onde agardan atopar unha vida mellor que lles permita facerse ricos e regresar cos “billetes metidos sen coidado nos petos do pantalón, sacados a mancheas”, como viron facer aos parentes que regresaron de alí co bandullo cheo e as fazulas vermellas e ben lustrosas. Así, logo de pasares once noites gabeando sobre as ondas, escoitando cheos de medo o ronco son dun mar escuro e enrabechado, por fin avistan as luces do que, sen dúbida algunha, debe de ser a arelada Terra Prometida. Escoitan as instrucións para o desembarco do señor Melfa, entréganlle todo o seu miserento capital e, de contado, son levados por fin á costa onde fican un bo pedazo xuntos, uns canda os outros, de novo nunha praia escura e deserta escoitando sobre as súas cabezas o chío agudo das gaivotas sen ousar alonxarse da costa. Cando por fin dous deles aventúranse a pescudar algunha información as sorpresas sucédense. Primeiro atopan unha estrada ben pavimentada e pulidiña que, se cadra, pintaran no seu maxín algo máis ancha, maxestuosa e impoñente do que era aquela. Logo, chámalles a atención ver pasar varios autos pequechos e vellos, como os da súa terra, e imaxínanse que os ianquis teranos así, en calquera caso, por antollo ou, se cadra, para que xoguen os nenos con eles. Deseguida chámalles a atención o nome da poboación que ven ao lonxe, Santa Croce Camarina, cuxa escritura lémbralles a súa propia lingua, pero convéncense de que a semellanza debe ser só aparente, pois “o americano”, asegura un deles, “non se le como se escribe”. Por fin decídense –malia as reiteradas advertencias que lles dera o señor Melfa– a interpelar a un dos condutores que pasan. Tras un breve intercambio verbal caen na conta de todo o que está a acontecer: non se moveron do sitio, nin sequera chegaron a abandonar a súa Sicilia.

31/08/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión