Foise Avelino Pousa Antelo



Xabier P. Docampo.-

Vaise con el a presenza última daqueles homes e mulleres que, arredor da guerra civil española daban testemuño público da nosa nación, que era tanto coma dalo de todos nós, dos que haberíamos vir para dicirmos e sermos a nación.
A min váiseme un amigo que moito admirei e moito quixen, e cando isto ocorre un sente que a alma é un vidro que estala e rompe coa perda dos amigos. E un anaco dese vidro despréndese e deambúlanos feito recordo, xa só lembranza sen presenza, Avelino.
Aínda conservo enteira a emoción daquel día no que lle presentei ao meu fillo o Avelino: Aquí tes un home que coñeceu a Castelao, que apreixou a súa man. E apertaron un a man do outro. Eran dous piares dunha ponte que unía a historia e o futuro. Coma tantas outras pontes que construíu o maxisterio de Avelino, porque iso foi, un mestre.
Pero tamén se vai un home bon. Un home cabal que se deu con xenerosidade a Galicia, aos homes e mulleres deste pobo que tanto amaba. Déixanos o exemplo dunha vida entregada e unida ao destino de Galicia.
Adeus, Avelino, nada te puido parar nin torcer, só se nada nos para nin nos torce seremos dignos da túa inesquecíbel lembranza.

21/08/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión