Francisco Añón, guieiro da Santa Compaña

Xurxo Martínez González.-

Hai cen anos que nos deixou Manuel Leiras Pulpeiro e o seu espazo é unha matria expropiada nas terras de Miranda. O poeta humanista e médico republicano, un demócrata en conxunto, obtivo o recoñecemento social daquel tempo. Non ía ser menos para quen non miraba o peto propio pasa sandar os doentes ou para librar a batalla das ideas.

Manuel Leiras Pulpeiro é un Manuel Curros Enríquez, pero da Mariña. O poeta da Mariña porque o das montañas foi Antonio Noriega Varela, en atinada descrición de Aquilino Iglesia Alvariño. E tanto nome xunto só fai reafirmar o potencial literario desta a nosa terra.

Ambos Manuel foron republicanos, foron demócratas, foron varudos poetas desexosos da emancipación dos escravos da terra. Dous intelectuais que continuaron a hexemónica autoestrada progresista da cultura galega, que arrinca ao noso entender no primeiro liberalismo, isto é, na loita contra os franceses.

Manuel Curros Enríquez tiña un mestre recoñecido, Francisco Añón Paz, que naceu o mesmo ano en que o Estado español se dotaba dunha constitución. Logo é o bicentenario de quen podería ser o precursor dos vates revolucionarios de Galiza que asumiron o galego como lingua de expresión literaria.

Francisco Añón naceu para ser rebelde. O seu nome comezou a socializarse nos círculos da Academia Literaria, naquela Compostela de ares provincialistas. Colaborou en case toda cabeceira xornalística que se comprometese cos intereses patrios. Sufriu por iso, e pola adscrición revolucionaria, a aceda vivencia do exilio en Portugal tras a derrota de 1846, fixada no calendario galego como data simbólica do primeiro berro de liberdade. Por certo, unha fixación que custou unha polémica en 1856 entre o grupo galeguista de Vigo e o da Coruña (este último contrario a apertar os Mártires de Carral).

Viaxou por Europa para regresar finalmente a Madrid. Non sabía que ía ser a súa derradeira morada. Pero era feliz porque el estaba arrentes dos republicanos que loitaron para o triunfo da revolución de 1868, preludio á Primeira República. Como felices foron Manuel Curros Enríquez e Manuel Leiras Pulpeiro. Nun suspiro desapareceu todo.

Os galegos residentes na “vilapodre”, que así chamaban a Madrid os nacionalistas de inicios do XX, conformaron parladoiros. Un costume de socialización que bota as raíces tamén no primixenio liberalismo. Un daqueles parladoiros co tempo se constituíu como asociación co nome “Galicia Literaria”, onde o verdadeiro motor foi un poeta vigués malogrado, Teodosio Vesteiro Torres.

Aquela “Galicia Literaria” considérase unha sorte de primeira Academia Galega. Alí estaban Manuel Curros Enríquez, Xohán Manuel Pintos e Francisco Añón (elixido presidente da mesma). Pero durou o que a depresión persoal de Vesteiro tardou en levalo ao paseo do Prado e pegarse un tiro nas tempas. Outra desas promesas de Galiza que a morte nolo levou no florecer da vida.

O poeta revolucionario pasou os derradeiros anos na miseria. Morreu en Madrid, pobre. Os seus restos danse por perdidos, esborrallados nunha foxa común dun camposanto madrileño. Dez anos despois Manuel Curros Enríquez homenaxéao no Divino Sainete (1888), situándoo á fronte da Santa Compaña, que á vez nos lembra a Alba de Gloria de Castelao.

Añón leva xa a forza do seu verso no apelido que son letras de ouro para Serra de Outes. Unha poesía costumista pero tamén patriótica, intimista pero tamén revolucionaria. Cunha mirada distante e cun pasar rápido dos ollos, sempre o confundo con José Martí. Será cousa do frondoso bigote.

Vaia a nosa lembranza para este poeta no mes en que temos un ancho lugar na memoria para os asasinados por Atila. Pro nós faremos certo aquel proverbio de que non enterran cadáveres, enterran semente. Xurxo Martínez González

22/08/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión