Misterios, novas marcas, trapalladas

Fermín Bouza.-

Os misterios da catedral 

O único claro destes movementos económicos, xurdidos dos erros e os horrores da burbulla inmobiliaria, é que, nacidos no seu momento na dereita máis especuladora, serán resoltos mañá e ao seu modo pola dereita máis especuladora: fortes restricións ao microestado de microbenestar, aos dereitos cívicos, aos dereitos humanos e a todo o que se mova.

Cunha esquerda que carece de función pedagóxica sobre a súa xente é difícil agardar un control da situación e, con todo, é absolutamente necesario que acade ese control, única garantía seria de que as cousas poderían ir doutro xeito e resolverse doutra maneira.

Pero cambio o ton cara á crónica vital: hoxe fixo calor de máis, mesmo no meu pobo, Santiago de Compostela, onde hei de ir cuns amigos. Cando era neno e facía esta calor (e moita máis, por certo) refuxiabámonos na Catedral, que entón estaba pechada e hoxe está aberta de pao a pao. Pechada non de todo: había que empuxar as portas. Agora aquel fresco vai desaparecendo co turismo e nin sequera a catedral consola. O turismo, que en Santiago chega a ser atafegante, é a solución do momento, e menos mal: o que non vende aire de Compostela vende figuras do apóstolo ou o que sexa. Todo o mundo vende algo, e algúns a súa alma (ao diaño, por suposto.

Pero Compostela segue sendo unha cidade de segredos ben gardados. A catedral é un mundo descoñecido, mesmo polos seus habitantes. Faría as delicias de Umberto Eco. Outro día falarei do Códice perdido e recuperado. Esa é outra.

Novas marcas políticas en Galicia 

O panorama electoral galego tende a aclararse no que era aínda unha incógnita: o modo de presentación electoral das microorganizacións políticas de carácter nacionalista, as máis importantes das cales proceden do BNG por mitose ou por meiose, ás veces continuada/s.

O grupo que se organiza ao redor de Xosé Manuel Beiras (ANOVA) sitúase no campo da esquerda e busca acordos electorais con Esquerda Unida, o que lles permitiría superar a cifra do 5% a ambas as formacións e a pór algún ou algúns deputados no novo parlamento galego.

Outras formacións defínense máis ao centro, como Compromiso por Galicia (CxG), plataforma na que se sitúa Rafael Cuiña, procedente do PP e fillo do político xa falecido de igual apelido. Ou Xoán Bascuas, de Máis Galiza, que proveñen do BNG. Tamén se integra en CxG a organización Terra Galega, de influencia, sobre todo, en Ferrolterra, a comarca de Ferrol. A plataforma CxG é unha incógnita electoral. Se consegue chegar aos sectores de centro do PP terá o seu premio en escanos. Non é fácil. Serán unhas eleccións a cara de can, en plena crise e con Feijóo reducindo parlamentarios en beneficio do seu partido.

O PSdG segue ás portas das súas primarias, nas que Pachi Vázquez tería que disputar a súa praza con Blanco (que parece ou aparenta retirarse do proceso) e o exminstro Caamaño, que comeza a perfilarse como un aspirante forte.

Trapalladas

Temos un problema de cinismo político en Galicia: o goberno vai reducir o número de deputados de75 a 61 (isto aforrará, ao parecer, 1,3 millóns de euros/ano, segundo o mesmo goberno) e con iso garántese, con resultados electorais semellantes aos de 2009, aumentar dous escanos e ampliar así a súa avantaxe de saída cara ás autonómicas inminentes. O goberno di que é por aforrar: é mentira, pois iso non se pode considerar seriamente aforro nos tempos que corren e si se debe considerar unha perda de poder e presenza do pobo no parlamento de Galicia e de Galicia no mesmo estado en que se inclúe.

Non só iso. Ocultar a causa real do cambo e pór como escusa semellante cousa é un acto grave de cinismo político. Restos do máis ambiguo 15-M e daquilo do "non nos representan", que sen dúbida tiña outra intención da que agora quere usar o PP galego citando ao mesmo 15-M. Avecíñanse unhas eleccións con trampa e é preciso darllo a coñecer ao electorado galego. Algo hai do vello fascismo rengueante nestas trapalladas, que dicimos na miña terra. Algo ou moito, segundo se mire. A oposición debe botar toda a carne no asador.

13/08/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión