Outono electoral

Iago Castro.-

Seguramente a Patxi López nin se lle pasou pola cabeza pensar en Galiza cando desfollou a flor da convocatoria anticipada de eleccións en Euskadi e, sen embargo, a súa decisión de convocar comicios para o 21 de outubro é a chave para comezar a comprender o escenario electoral galego para este outono.

Dubido que o presidente Feijoo tivese intención de non esgotar a lexislatura. O burdo intento de modificar a composición do Parlamento e os seus inevitábeis prazos son unha proba evidente dos tempos que manexaba o líder do PPdG. Se ben consciente de que o paso do tempo xogaba en contra dunha nova maioría popular –as políticas de recurtes xeran cada vez máis descontento entre as súas propias ringleiras-, a sorte de gerrymanderismo que tratou de impoñer, baseándose nunha aínda maior sobrerrepresentación das provincias interiores, Lugo e Ourense, é a evidencia de que se trataba de amortecer a máis que previsíbel baixada de apoio electoral mediante unha pouco elegante manobra de enxeñaría.

Parece entón plausíbel que o adianto teña sido forzado dende a Rúa Xénova. Pase o que pase nas eleccións bascas e galegas, os malos tragos mellor canto antes. Despois, o goberno pode afrontar un incerto período libre de convocatorias electorais e de sorpresas.

Outro Pachi, o noso, debe estar a asimilar este agradábel agasallo. Dun prumazo deixa atrás a que se preveía como encarnizada loita con Caamaño e Blanco para disputar a presidencia da Xunta. Os apurados prazos déixano como candidato por defecto e sen discusión, e algunhas previsións outórganlle certas posibilidades, á espera de que as sondaxes nos aclaren por onde irán os tiros nestas eleccións.

Iso se, como parece, o BNG é capaz de atenuar o efecto das recentes escisións. A sala de máquinas dos coroneis debe compartir a alegría de Pachi Vázquez, pero por distintos motivos. O adianto da convocatoria pilla en bolas a anovos e compromisos, perdidos en estériles debates sobre o sexo dos anxos, mal histórico e, ao que parece, incurábel dunha parte do nacionalismo galego. A pouco que as sondaxes permitan albiscar a posibilidade dun novo bipartito, o voto útil pode condenar aos escindidos á máis miserable das insignificancias, deixando á UPG e aliados cunha inmerecida hexemonía no campo nacionalista.

No campo contrario, dubido que UPyD e a previsíbel anécdota de Mario Conde consigan nin sequera inquietar a un PPdG máis preocupado pola desafección dunha parte pequena pero sustancial do seu electorado. As sondaxes internas, polo que se vai filtrando, contemplan un escenario que pode ir dos 34 aos 39 escanos. A abstención ou a participación, segundo se mire, será a chave que decida cara onde se move esta variación. Parece fora de toda dúbida que haberá votantes populares que fiquen na casa desencantados coa distribución das medidas de axuste, que penalizan fortemente ás clases media e media-baixa. Do seu número dependerá en boa medida un resultado electoral que, penso, ha ser abondo axustado.

28/08/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión