Adeus a Cristóbal Serra



Ramón Chao.- Este ano vin a Mallorca coa idea de compartir xantares e charlas co insigne  Cristóbal Serra, escritor polo que teño tanta devoción que ata o poño a par de Alvaro Cunqueiro. Aos tres días da miña chegada dinme que sufriu unha caída, perigosa á súa idade. Semanas despois debo conformarme coa súa voz, clara a través do fío, animosa como sempre, que fuxe de todo encontro. Un dos meus maiores praceres nas vacacións mallorquinas -sol e preguiza- era sempre a lectura do seu último libro, e logo o contraste de pareceres.

Hai uns dez anos uníronnos inmediatamente os seus saberes e lecturas esotéricas e o meu libro sobre Prisciliano, do que me descubriu prolongacións insospeitadas. Como Unamuno, rexeitaba a presenza de Santiago na cripta, e cun sorriso irónico dicía, volterianamente, que os restos alí encerrados son de burros, animais polos que sentía gran devoción: “Grazas a eles sentinme menos só nunha sociedade como a mallorquina, remisa a toda acción colectiva que non teña fin utilitario. A ninguén se lle escapa que o asno foi máis vitupuerado que encomiado. Pois ben, os meus encomios non son poucos, e o vituperio, nulo. Os meus mergullos na ciencia asnolóxica leváronme a confirmar que o asno foi involucrado co problema do mal, coa esencia tráxica da creación e co enigma da materia. Eu creo, como bo asnomaníaco, que os gnósticos mostráronse lóxicos reivindicando -indirectamente- ao asno. Para os eles, Yahvé era o imperfecto demiurgo ao que chamaban Jaldabaot. Tachado de ignorante, representábano con cabeza de asno. As miñas investigacións persoais deron por resultado que os pagáns cristiáns chamaban “asinaios” por mofa, ao velos adorar unha cabeza de asno. Descubrín que era difícil desligar ao cristián do asno, dada a procedencia xudía dos primeiros cristiáns, pois estaba claro que os xudeus adoraban ao asno, co que restaban en débeda desde o día que lles descubriu a auga no deserto (Tácito dixit)".

Para facer méritos engadín: “Non por casualidade Xesucristo entrou en Xerusalén en burro, cando podía habelo feito en andas ou en papamóvil, que a cronoloxía non existe no reino do Señor. E saiba vostede que no maleteiro do coche levo o adhesivo dun burro balear”.

As miñas palabras enchérono de xúbilo, e ipso facto nomeoume membro da Cátedra de Asnoloxía que acababa de crear. Nos encontros deste verán eu pensaba ofrecerlle a presidencia dunha asociación de priscilianistas que penso anunciar pronto. Descuberto por Octavio Paz, Serra nunca quixo abandonar a súa illa nin a lingua castelá, á que consideraba superior á súa obra. Sempre sinxelo, discreto e transparente, finou o pasado 6 de agosto aos 89 anos. Así é a morte. 

14/09/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión