Bernardo, irmao

Agustín Fernández Paz.-

O 8 de xuño de 1960, no seminario de Mondoñedo, morreu o meu irmao Luís, aos dezaoito anos. Nese día tan amargo e triste, Bernardo García Cendán, moi amigo de Luís, con que compartía a paixón pola música e a orixe vilalbesa, foi un esteo inesquecible para a miña familia. E continuou a selo moitos anos, tamén para min, pois Bernardo asumiu o rol de irmao maior e desde aquela non deixou nunca de exercelo. El era quen me escribía cartas longuísimas durante os anos da miña adolescencia na Universidade Laboral de Xixón. E el era o que, nos períodos de vacacións, conversaba comigo sen medida do tempo, con esa vontade socrática que nunca o abandonaría.

Logo, cando marchou a París e se mergullou na fervenza de ideas novas que agromaron nos anos finais da década dos sesenta, cada vez que regresaba a Vilalba traía canda el o espírito daquel tempo. E eu buscaba a súa compaña para escoitalo opinar sobre os temas –filosóficos, relixiosos, sociolóxicos—que tanto me interesaban e dos que Bernardo tanto sabía. E, de paso, para gozar das novidades que traía de aló; coma tal, por el escoitei a Paco Ibáñez por vez primeira, cantando os poemas de Lorca a carón do río dos Freires, ou Vida e morte, o disco inaugural de Amancio Prada, compañeiro seu na vida de París.


Máis adiante, cando a vida nos xuntou en Ferrolterra (el na parroquia do Socorro, a miña dona e mais eu no colexio de Mugardos), a nosa relación fíxose ben máis intensa e frecuente; foron moitas as horas de conversas e proxectos, e numerosas as persoas que tratei grazas a el. Daquela, xaora, fun moi consciente do seu intenso labor social, parroquial, cultural, cívico… nunha sementeira que deu moito froito duradeiro.


Cando a vida afastou os nosos lugares de residencia, mentres os anos pasaban cunha mestura de alegrías e golpes ben amargos, nunca deixamos de retomar a conversa inacabable cada vez que nos encontrabamos. Os diálogos máis recentes, xiraron ao redor da vida en París naqueles anos da súa estadía. Eu andaba a traballar na que logo sería a novela Non hai noite tan longa e precisaba información de primeira man. Nesa novela Bernardo acabou sendo un dos personaxes que nela viven, o sociólogo amigo que deixou pegada fonda na vida de Gabriel, o protagonista do relato.

E nestoutro xuño de 2012, preto xa dos días do verán, Bernardo fóisenos e o baleiro que deixa é imposible de encher. Sei que as palabras se gastan e que existe o perigo de se volveren rutineiras. Mais non por iso deixarei de dicir que as persoas viven, e nos acompañan, mentres permaneza aceso o lume que avivaron en nós. E se algo facía ben o noso amigo era prender lumes na xente coa que convivía.


Bernardo, irmao, estás moi vivo no meu corazón e no de tantas persoas que tiveron a fortuna de facer canda ti algún treito do camiño da vida. E así has seguir mentres teñamos memoria, pois a semente que deixaches enraizou moi fondo, tanto que ninguén poderá arrincala nunca.

23 de set. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión