Cultura en crise

Mario Paz González.-

Hai moito tempo, na China da dinastía Tang (618-907) existía un curioso procedemento para acceder á función pública que consistía en realizar unha serie de exames eliminatorios –até aí nada estraño– nos que esixíase aos candidatos unha densísima cultura baseada fundamentalmente no coñecemento das artes literarias, en concreto da poesía. Calquera, independentemente da súa orixe social, podía participar neles, pero todo aquel que o fixese tiña que demostrar que era capaz de redactar ensaios e escribir poemas sobre algún dos moitos e variados temas impostos polos seus examinadores. Este sistema de selección representaba tamén para moitos –como o foi para o poeta Wang Wei e para o seu irmán Wang Jin–, un xeito rápido de ascenso social, non baseado na liñaxe nin nos baleiros privilexios herdados dos seus antepasados, senón no seu talento para as artes poéticas. Por outra banda, o obxectivo final destas probas non era outro que o de contrarrestar o poderoso influxo no goberno da aristocracia dominante e do exército, captando o maior número de talentos para o estado, creando así un amplo corpo de letrados eruditos que levasen as rendas do Imperio e outorgando, aos que o conseguían, un envexado status dentro das comunidades das que formaban parte. Grazas a todo isto –aínda que tamén grazas ao mecenado de príncipes e emperadores–, aquel foi un período no que calquera persoa minimamente culta gozaba lendo poesía e era capaz de escribir ou improvisar fermosas composicións circunstanciais cando a ocasión requiríao. Foi ademais un período de gran florecemento da cultura en xeral e da poesía en particular, que habería de estenderse aínda en épocas posteriores e que ía deixarnos para a posteridade, non só a obra de Wang Wei, senón tamén a dun dos máis prolíficos poetas de todos os tempos, Li Bai.

Hoxe estamos moi lonxe daquela época e un tende a pensar que, para a maior parte dos aspectos da nosa vida, o mundo no que vivimos é moito mellor e máis cómodo. Ignoro como será a valoración da cultura na sociedade chinesa actual, pero, desgrazadamente, talvez non sexa moi diferente ao que agora pretenden afacernos por estas terras. Recentes medidas como a subida do IVE non axudan en absoluto a unha revalorización da cultura, senón máis ben ao contrario. Tampouco as declaracións do ministro de Facenda equiparando cultura e entretemento. Coma se non fose máis que iso, coma se non fose parte imprescindible da nosa formación intelectual e humana. Nesa liña parece moverse tamén unha futura reforma educativa na que falan de reválidas, de itinerarios, de formación profesional de base, da sempiterna educación para a cidadanía…, pero na que a ningún dos cranios privilexiados que a deseñaron ocorréuselle recuperar o protagonismo perdido das Artes e das Humanidades e, moito menos, da literatura e da poesía. Parece haber un empeño consciente e deliberado en ignorar unha e outra vez que o coñecemento destas disciplinas fainos máis libres, pois crea unha sociedade máis igualitaria e moito máis democrática. O mazazo definitivo parece que virá agora, polo que se pode ler na prensa respecto dos fondos destinados á cultura nos orzamentos xerais do Estado. Como dixo recentemente Antón Reixa, “reafirman algo que é terrible, e é que se tende a entender a cultura non como algo produtivo senón como algo ornamental”.

Se cadra un non querería vivir na China da dinastía Tang e prefire o mundo de hoxe, pero, en contraste con aquela época, semella que, detrás de todo isto que está a acontecer, agóchase a triste idea de que a cultura é algo supérfluo e só destinado ás élites, algo cada vez máis estranxeiro no mundo que a rodea, máis estraño, máis marciano nun mundo que a miúdo amósase hostil e refractario a ela, nun mundo sometido aos imperativos do práctico, do rendible, do material, do baleiro, do banal…

30 de set. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión