Entrevista a Manu Chao

“Cheguei a Galicia e curoume o país enteiro”

Moncho Paz.-

A cita é no Barri Gòtic de Barcelona, no Bar Mariatchi (Carrer dels Codols). Manu acude puntual, acompañado de Jacek Wozniak, o coñecido pintor e ilustrador polaco, amigo e habitual colaborador do cantante. Tras varias cervexas, perdémonos pola Ciutat Vella e seguimos conversando no Passeig de Colom ata ben entrada a noite.


Pregunta.- Que supuxo para ti a recente estancia en Galicia, despois do Festival Reperkusión de Ourense e da túa visita a Vilalba?
Resposta.- Moi positiva, vitalidade total. No barrio ourensán da Ponte teño moitos amigos e alí síntome como na casa. E Bemposta foi unha aposta importante, moi interesante e que vai tomar folgos para seguir; hai unha ferramenta extraordinaria, con xente moi válida. Fiquei impresionado polo lugar e as persoas, agardo sinceramente que continúen a facer cousas. Eu tamén poñerei a miña enerxía.
E a visita a Vilalba foi unha marabillosa viaxe con meu pai, que evocou mil lembranzas da infancia, pois ía moito coa familia cando era pequeno. Sempre é bo volver ao lugar de onde vés, non?

P.- Fíxome graza a túa expresión cando probaches o roscón de Vilalba, como se te invadira unha morea de sensacións.
R.- A sensación de volver corenta anos atrás. Iluminoume a memoria con recordos do Hotel Chao e do propio lugar onde nos xuntamos esa tarde (a casa das Anduriñas). E o roscón lembroume mil cousas, co seu sabor inconfundíbel: as festas de San Ramón, as verbenas… Por algo saíu con Mano Negra a palabra “patchanka”. Polas festas que vivimos en Galicia na xuventude, e sobre todo as de San Ramón: verbena toda a noite, sensación de liberdade e a sabedoría das festas populares, que aínda mantén o norte do Estado español.

P.- E moitas delas improvisadas.
R.- Esas son as mellores. E son sans, en calquera lugar. Eu nacín en París; as festas do meu barrio comezaban ás dez e remataban ás dez e media, con todo o mundo pelexando coa policía. A orquestra non tiña oportunidade de tocar. Agradezo enormemente que as culturas saiban tratar co alcol festeiro, porque en Francia -en París concretamente, pois Francia é ampla e diversa- non existía o alcol sen a pelexa. Reencontreime con iso nas miñas viaxes polos Balcáns. Aínda quedan tensións alí despois da guerra, e cando hai augardente –que a teñen, e da boa– respéctase moito, e tamén son necesarias a música e a comida. Porque non hai festa sen xantar, é o que aprendín en Galicia de meniño.

P.- Como foi a “conexión galega” con xente coma Pinto d´Herbón, Xosefa de Bastavales, Mercedes Peón, Xurxo Souto… Un novo descubrimento da terra?
R.- Foi instintiva. Nun momento da miña vida souben que tiña que regresar; estaba moi perdido. Sempre traballei co instinto máis que coa cabeza, pero de súpeto perdera o instinto. Por múltiples causas: demasiadas viaxes, deixaramos a banda (Mano Negra), rematara o proxecto de Radio Bemba e todo o mundo dicíame “vaiche custar moito non subir de novo ao escenario”. Iso non foi problema para min, son unha persoa tímida, e cando ía de festa non me importaba que outro subira a cantar. Por natureza, considérome máis un observador que outra cousa, non me gusta ser o centro de atención, porque dese xeito non podes observar a realidade. Foime moi difícil fincarme nun lugar, pois levaba cinco ou seis anos viaxando constantemente. Percorrín Europa e América Latina; pero non podía ficar máis de quince días nun mesmo destino sen sentirme asfixiado. Pasei moito tempo sen ter casa propia; estaba a casa dos meus pais, as dos meus amigos… E ao final descontroleime e perdinme. A intuición deixou de funcionar e caín en depresión, nunha infinita tristeza –que está nas miñas cancións– e sentín que tiña que volver a Galicia, porque se alguén me podía curar atoparíao aquí. E así foi: cheguei a Galicia e curoume o país enteiro. Fun capaz de reencontrar o meu peso, esa é a palabra exacta. Levantábame sen razón e atopei as miñas razóns en terra galega. Axudoume moito a xente que coñecín, amigos para toda a vida –como Pinto, Xurxo, Teruca ou Mercedes Peón– que me acolleron e ensinaron todos os tipos de Galicia que existen.

P.- E así atopaches de novo o teu camiño…
R.- Saín de Galicia renovado… e volvín dar mil voltas. Logo chegou Clandestino, que foi como o final do proceso de curación. Gravei ese disco sen querelo. Estabamos na Feira das Mentiras en Compostela e cando rematou, saín en coche con Marta (Pérez) e vin os carteis de Clandestino na rúa; foi algo surrealista para min. Ese álbum comezou pouquiño a pouco e rematou dando a volta ao mundo. Como che dicía, atopei o meu peso en Galicia nesa época (do 96 ao 98). Débolle moito a Xosefa, que foi unha boa mestra da vida, aos seus fillos, a Nina, a Manolo Rivas… Cada un amosábame a súa zona, foi apaixonante. E débolle moito a Galicia: as orixes, recordos fabulosos da infancia, a inspiración para as primeiras bandas, como Los Carayos… E volvo cada vez que podo. Desde hai doce anos vivo en Barcelona, pero tamén paro pouco; regresei a unha vida nómada, con países novos e outras culturas. E iso é un tesouro que teño nas mans.

P.- Ancorado en Barcelona?
R.- Ancorado non. Estou aquí por agora, pero con todos estes cambios… Cada vez é unha cidade máis europea e máis parva a nivel de leis. Parvas leis… diría. Aquí teño aos meus amigos, xa viches como vivimos; levamos unha vida de barrio e por iso permanezo. O día que perdamos esa pelexa voume, porque non quero vivir en lugares como fixen durante vinte e cinco anos, onde non había unión e ninguén se mesturaba. Falo de París, porque Francia –como dixen antes– é outra cousa.

P.- Hai esperanza?
R.- Hai resistencia, digamos.

P.- Precisamente no teu álbum Próxima estación… Esperanza había un tema (O bixo do coco) que tamén garda relación con Xosefa de Bastavales, non?
R.- Esa é unha frase que dixo Xosefa o día que a levamos a Fisterra, onde nunca estivera. No coche contounos unha morea de historias e falounos do “bixo do coco”, que despois a xente interpretou de mil maneiras: hai quen pensa que falo da cocaína. Ela referíase á depresión, e na miña canción é iso. Pero pode ser interpretado doutro xeito, como a persoa que cae na cocaína ou no mundo das drogas.

P.- Levouse os cartos, levouse a muller, deixou tormenta, nada de comer…
R.- Levou todo, encaixa perfectamente, como ves. Coido que é bo que cada un interprete as cancións ao seu xeito, e non me gusta desvelalas. O máis importante é que cada un faga a súa viaxe, non?

P.- Cal foi a túa maior influencia musical desde as orixes con Hot Pants, Los Carayos, Mano Negra, Radio Bemba? Porque aí están Elvis, Ray Charles, a música africana…
R.- Medrei en París e, na casa, os nosos pais deixábannos ao alcance os vinilos de Bola de Nieve (Ignacio Villa); había unha conexión total con Cuba e a música latina. Tamén escoitabamos a Jacques Dutronc. Son os dous artistas que máis lembro de entón. Despois estaba o barrio, en Sèvres, que era pura electricidade: o rock & roll, a cuadrilla… Era a gran época hippie, con moito rock progresivo, pero iso non me gustaba. Pola súa banda, o barrio dos malandros era puro rock & roll (estilo 50 e 60): eran todos rockabillies. Aí foi cando comecei realmente coa música. Naquelas cuadrillas estaba prohibido cantar temas de máis do 62. Podíaste salvar con James Brown, pero sen saír de Chuck Berry, Little Richard, Gene Vincent…

P.- Unha boa base musical.
R.- Unha base perfecta para aprender rock & roll, porque daquela non podíamos tocar outra cousa; pero estaba comezando a época do punk. Os rapaces do meu barrio saían cazar punks, pois había a tradición da pelexa que che dicía antes. Eu asistía de espectador; levábanme de mascota, porque traía sorte. Tocaba o baixo, pero a eles custáballes atopar un cantante que o fixera máis ou menos ben; e poñían anuncios, pero non para darlles traballo senón tamén para pegarlles. Viña un de fóra, dábanlle catro golpes e mandábano á casa.

P.- E ao final o cantante fuches ti…
R.- Fixéronme cantante. Como era o máis pequeno e o máis feble, un día decidiron que o cantante sería eu. Puxéronme no meu camiño, case á forza. Logo marchamos a París, que era outro mundo. Na cuadrilla había máis xente da miña idade, xa non era tanto da xeración anterior. Pola noite coincidiamos cos punkies. Un día metinme por casualidade nun concerto de Stiff Little Fingers e comprendín que era o mesmo que estabamos a facer nós. Por iso comezamos a introducir discos punks no meu barrio, arriscando a vida, pero co tempo integrámolos. Mandaba o rock & roll, pero existía xa unha mestura de música non francesa (portugués, español, árabe, armenio ou africano). Descubrín África negra en Francia; nos barrios periféricos atopabas unha cultura totalmente diferente. Non só a música, senón a comida e as tradicións. Se tomabas alcol na rúa e chegaba a nai dun polaco, non pasaba nada; pero chegaba a dun alxerino e agachabas a bebida por respecto, para que falara connosco sen sentir vergoña. Trátase de que uns aprendamos a cultura dos outros. Co tempo todas as músicas se mesturaron; e había moito reggae, porque nas comunidades africanas era o que máis pegaba.

P.- De feito, Bob Marley foi sempre un dos teus ídolos.
R.- Foi básico, porque daquela os norteafricanos eran máis de música disco que de rock & roll. Coincidiamos en James Brown, que era o punto de encontro. Os demais eran rockabillies, sobre todo os españois e os portugueses. Os do outro lado do Mediterráneo estaban máis interesados en outras tendencias. Despois chegou o reggae de Xamaica, con Bob Marley como principal expoñente, e tamén o de Costa de Marfil, con Alpha Blondy, considerado un intocábel na periferia francesa, a pesar do hip-hop das novas xeracións.

P.- Regresas de cando en vez a Sèvres?
R.- Poucas veces. Tivemos moitas experiencias despois de Mano Negra en outros lugares de Francia. Por exemplo, coa Caravane des Quartiers, que logo foron á Feira das Mentiras. Durante anos entrabamos nos barrios a facer espectáculos, nunha época na que as institucións non os promovían. En cada barrio instalabamos carpas para organizar semanas de festa. Ao rematar, tres ou catro nos seguían na próxima etapa e, ao final, a Caravane estaba formada por rapaces de moitos barrios do país. Todos colaboraban: montar o escenario, o son, o recinto, contratar a banda, que fallaba sempre pola escaseza de cartos… Entón faciamos unha cos que montaban o escenario; cada un aprendía a tocar un instrumento, e outras veces había grupos que nos viñan apoiar. Eu viña de facer mil viaxes con Mano Negra e atopeime de novo en Francia visitando cada día un barrio diferente, o que me ensinou que tampouco hai que ir tan lonxe para viaxar.

P.- Eres vasco por parte de nai. Como viviches o rock radical dos anos 80?
R.- A miña primeira referencia de Euskadi foi o meu avó Tomás (Ortega), un gran mestre de honestidade intelectual. Como a xente do norte, era de ideas claras e definidas, e asumía sempre as consecuencias. Era republicano, marchou coa guerra e foi coherente até o final. Non quixo regresar coa democracia e morreu en Francia. Dicía que sen a República non volvía. Nós queriamos que regresara a Euskadi e que nos levara a camiñar polo monte Gorbea, a súa paixón. Ao final levamos alí as súas cinzas. Logo está a referencia do rock radical, con Kortatu e todos aqueles grupos. E o encontro con Fermín Muguruza, gran amigo. Parécese ao meu avó na constancia nas ideas, na honestidade e no valor da palabra. Coincidimos no punk en París, onde unha banda como Kortatu chegou a ser unha referencia importantísima. Máis tarde, Mano Negra e Negu Gorriak (o segundo grupo dos Muguruza) xiramos xuntos por Euskadi. De Bilbo gardo poucos recordos de infancia. As lembranzas son de Murguía -a carón de Gasteiz- onde iamos ver aos primos. O encontro real con Bilbo foi hai seis ou sete anos, cando estivemos embarcados no proxecto de Jai-Alai Catumbi Express, que montei con Fermín e algún compañeiro de Mano Negra. Era practicamente Radio Bemba Sound System, engadido Fermín, e demos unha volta polo Estado. Veu connosco a miña nai e chegamos a Bilbo; ela quería ir a Artxanda, a ver se atopaba a casa familiar. Esa historia está escrita nun conto de Eduardo Galeano (“La trama del tiempo”). Miña nai atopou outra casa sobre as ruinas da súa, que fora bombardeada. Chamou á porta e abriulle unha señora (Elena), unha amiga da infancia que a recoñeceu e díxolle: “Teño algo para ti”. E tróuxolle unha fonte de porcelana branca, con debuxos azuis. A miña nai lembrábase da peza. Elena atopouna, intacta, entre os cascallos, e gardoulla durante cincuenta e oito anos. Que xesto más fermoso, non? A miña nai ficou emocionada.


P.- Que foi de Óscar Tramor, o teu alter ego?
R.- Está aquí sentado, a carón de ti. Óscar Tramor é froito máis dunha broma que outra cousa. En Los Carayos collíamos cancións de outros para interpretar á nosa maneira. Había unha de Irma Serrano, que dicía: “Busca otro amor / que te quiera más que yo…”. Eu cambieille a letra e puxen: “Óscar Tramor, torero matador”. E inventamos unha rancheira dun toureiro borracho que reza a Deus para que o touro chegue máis borracho ca el. E a cuadrilla chamoume Óscar Tramor durante tres ou catro anos. Asinei algúns discos de Mano Negra con ese alcume. Daquela tiña o concepto de banda, non de solista. Despois de Mano Negra, unha vez rematado Clandestino, tardei moito en sacalo á rúa porque non concibía facelo en solitario. Algunha xente pensa que Manu Chao é o nome dun grupo. E pregúntame: “Ti tocas en Manu Chao?”. Eu dígo: “De toda a vida”. Incluso hai persoas que cren que o meu nome artístico é Manu Chao e o auténtico, Óscar Tramor.

P.- Aquela viaxe por Colombia nun “tren de xeo e lume”, co teu pai Ramón como cronista… Que gardas na retina desa experiencia?
R.- Viaxamos moito por América Latina e, cando deixamos Mano Negra, volvín para afondar no continente. Como banda só tocabamos nas cidades, non iamos ao campo porque non había público para o rock. Quixen coñecer a realidade do rural e decateime de que América Latina é un conxunto de mil países diferentes, pero non tan distintos desde o punto de vista cultural. Son moi nacionalistas, cun grande respecto á súa bandeira, algo que eu non comparto, pois sempre identifiquei a bandeira francesa coa policía. Un símbolo e un concepto –o de “patria”– que non tiven nunca. Son máis partidario da idea “culturas”. Cada patria, por pequena que sexa, son mil culturas diferentes. No Estado español, no francés, no brasileiro… Tamén Colombia muda, desde a costa até os Andes. Cheguei a zonas que parecían “terra de ninguén” e atopei xentes que, entre trago e trago, cantaban o seu himno e dicíanme: “Agora ti! Cántanos o himno francés!”. Eu negueime e ollábanme coma se fose un marciano. E pensaban: “Non lle gusta o himno do seu país, este tipo ten algo que non vai ben”. En América Latina, a verdadeira fronteira está entre a cidade e o campo; aquí acontece o mesmo, pero non é tan radical. Como banda estabamos condenados ao urbano, pola presenza de salas, infraestruturas, etc. E naquel tren a idea básica era atravesar Colombia e tocar no campo, pois iso supuña para nós unha tremenda aprendizaxe musical. Co tren chegamos ao corazón da xente, mesturando os nosos temas co seu folklore. Foi unha escola fabulosa.

P.- Pero había que ter coidado co señor Matanza.
R.- Como en calquera sitio. Co tema do tren houbo que negociar, por motivos de seguridade, pois atravesabamos zonas moi perigosas. Conseguimos facer ese proxecto, a pesar de que todo o mundo pensaba que era unha loucura, que nos ían matar ou secuestrar. Foi unha viaxe extraordinaria e difícil ao mesmo tempo. Houbo momentos complicados e outros marabillosos. Foi a aventura máis forte e construtiva da miña vida e, ademais, unha auténtica loucura.

P.- Outra vez a intuición, Manu?
R.- Si, porque se reaccionara coa razón, nunca fariamos esa viaxe. Con todo, non fixemos nin o dez por cento do que pretendiamos: por falla de recursos, tempo, enerxía… Pero foi toda unha experiencia, un dos tesouros máis valiosos que me levo da vida. Agora, cando volvemos por alí e vemos bandas, dinnos que comezaron vendo o noso tren. Rapaces de dezaseis anos que baixaban desde Medellín, La Dorada ou Bogotá e para eles tamén era a viaxe da súa vida.

P.- Segues a manter un forte vínculo con Colombia?
R.- Por suposto, e estivemos alí hai poucos meses. Vimos a xente daquela época, a moitos que coñeceron o tren de nenos e xa son adultos. O noso proxecto tiña razóns económicas e políticas, porque a General Motors e as industrias de camioneiros cargáronse o ferrocarril, cando en realidade é o futuro. Máis barato, máis ecolóxico… Todo son vantaxes. Pero os políticos e a mafia do transporte por estrada acabaron co circuíto ferroviario por interese propio. Non é só un problema de Colombia, tamén de México, Brasil… Nos anos 80 viaxei moito en tren por México, agora é imposible. Quedan algúns trens para turistas, pero renovados e caros. A idea do tren en Colombia foi unha utopía, enfrontábase co capital. Nese tren tamén había antigos traballadores do ferrocarril colombiano que foron claves na viaxe, posto que coñecían o percorrido á perfección. Eran capaces de atopar un bar aberto no medio da selva ás tres da madrugada. Sabíanas todas!! Sempre lembrarei cando estabamos a piques de entrar en Barrancabermeja, nas terras de Pablo Escobar; foi o mesmo día que o mataron, enterámonos pola radio. Os do tren, que eran de Bogotá, máis ben contentos; e os do equipo de son, que eran de Medellín, todos chorando. E nós asustados, sabedores de que nos faltaban vinte e catro horas para saír do territorio (tiña douscentos quilómetros de terras) e o tren circulaba a vinte e cinco por hora. E, aínda por riba, o día anterior Francia rexeitara o asilo político á familia de Escobar. Pasei medo. Sentinme moi inseguro: papeliño do vento. Pero todo foi ben e, por fortuna, saímos tranquilos. Tiñan outros problemas máis importantes ca nos para arranxar ese día.
Ao longo do traxecto houbo feridos, infeccións… Creouse unha tensión e un cansazo xeral que, nun intre, parouse todo para debatir se seguiamos ou non. Tras a votación, por unha curta maioría decidiuse parar. E o chofer –coñecido como El Diablo, pequerrecho e moi listo– pediu a palabra no medio da asemblea e dixo que respectaba o voto de todo o mundo, pero quería explicar que a xente de Barrancabermeja estaba a agardar o espectáculo. “Se pasamos de largo, seremos baleados ao saír da cidade”. Así que nos suxeriu volver a votar. E, por unanimidade, o tren seguiu o seu rumbo.

P.- En que proxectos andas embarcado nestes intres?
R.- No día a día do meu barrio. Hoxe tocamos no cárcere de mulleres e na escola. Cando estou aquí pretendo darlle vida ao barrio: festa o sábado, organizada sen permiso, pero contando coa participación de todo o mundo, mozos e vellos, de esquerdas e de dereitas. Todos xuntos na mesma mesa: os africanos, os paquistanís e os do barrio de sempre. Nun para de días voume de xira coa banda por Europa: Francia, Italia, Noruega e o Ártico, a unha illiña perdida que seguramente coñecen os mariñeiros galegos. Chámase Træna. Organizan un festival ao que acoden unhas dúas mil persoas. Son cinco horas até chegar a destino, vía Oslo e Bodø, onde collemos un barco. Este ano celébrano por última vez, porque non queren rutina. Ven que está a masificarse e como todo é organizado polos pescadores da illa –son familias con grandes pesqueiros– pagan o festival para pasalo ben unha semana. Vén moita xente de acampada. Eles mesmos asumen a organización do evento, sen ningún tipo de patrocinio externo. Como este ano é o último, convidaron ás bandas que máis lles gustan. Chamáronnos e non o dubidamos. Quedaremos cinco ou seis días por alí. Despois de agosto non sei o que faremos.

P.-Haberá unha Feira das Mentiras en Vilalba, a terra do teu pai?
R.- Encantado!! Que non sexa por ganas. Unha Feira das Mentiras con Corte Miragreira. Ou grandilocuente, con carpas para dez mil, ou ben unha romaría preto do río. Non ten por que ser masificada. Trátase de implicar a xente de boa vontade e con liberdade de pensamento; agardo que en Vilalba montemos algún día un bonito encontro e que sexa positivo para todos.

Fotos: Chema Felpeto e Noa Castro

09/09/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión