Espazos sonoros para setembro


Redacción.-

Co inicio do mes de setembro comeza tamén o ciclo Espazos Sonoros 2012, un percorrido polo patrimonio arquitectónico de Galicia a través música, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura.

Espazos Sonoros Para favorecer o achegamento á música e ao patrimonio cultural galego, o ciclo propón diversos concertos e actividades musicais en lugares de especial interese arquitectónico das catro provincias galegas, que se desenvolverán entre os meses de setembro e de outubro.

Un total de 14 actividades integran a programación de Espazos Sonoros 2012, que nesta nova edición aposta pola variedade, polo rigor e pola calidade nas propostas musicais, ofrecendo concertos de música para órgano, música antiga e de cámara en aberto diálogo con outros tipos de músicas e disciplinas artísticas. Con este fin, o ciclo conta con algunhas das mellores formacións e solistas que veñen desenvolvendo o seu traballo en Galicia, xunto con artistas procedentes de diversas partes de Europa.

A violagambista Sara Ruiz será a encargada de ofrecer o concerto inaugural do ciclo, o día 8 de setembro na reitoral de Gundivós, no concello lucense de Sober. Tamén participarán na nova edición do ciclo formacións como Ulobit, cunha actuación o 29 de setembro no Museo Massó de Bueu; o arpista Andrew Lawrence-King, que actuará na igrexa de San Pedro de Lugo o 11 de outubro; ou grupo de música antiga 1500 e Marco Ambrosini, que ofrecerán o concerto de clausura de Espazos Sonoros o 18 de outubro na igrexa de Santa María a Nova, en Noia.

Propostas para todas as idades

O interese por crear novos públicos e achegar propostas musicais para todas as idades leva o festival a ofrecer unha programación específica para público familiar que, nesta ocasión, chega da man de Charo Pita e Javier Fernández, a través do espectáculo Palabras PercuDitas, que ofrecerán o 22 de setembro no Parque da Arte Rupestre de Campo Lameiro.

Ademais, Espazos Sonoros acrecenta o número de actividades paralelas á programación musical, nas que o público poderá participar activamente. Así, co fin de coñecer o patrimonio ao tempo que se goza da música, prevense dúas roldas pola contorna de dous espazos de grande interese. Por unha banda, a contorna da igrexa de Santa María de Cambre, o 16 de setembro, que rematará cun concerto do quinteto de frautas de bico Seldom Sene e, por outra, unha rolda pola paisaxe organística da Mariña lucense, o 15 de setembro, que percorrerá as vilas de Viveiro, Mondoñedo e Lourenzá para concluír cun concerto de zanfona e órgano, a cargo de Iván Abal e Marisol Mendive, na vila de Ribadeo.

Ademais, o día 22 de setembro prevese unha xornada de lecer familiar no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, na que se poderá desfrutar dunha visita guiada por este centro, así como participar na exhibición e práctica de técnicas de caza prehistórica, lanzamento de xavelinas con propulsor e tiro con arco tradicional.

Para participar nalgunhas destas actividades será precisa inscrición previa a través do correo electrónico actividades@espazossonoros.org, nos prazos establecidos para tal fin.

Formación de públicos

A formación de públicos terá tamén un papel importante dentro da programación a través de iniciativas como o obradoiro de achegamento á música antiga –este ano dedicado aos instrumentos antigos de vento– ou o apartado Escoitas arredor de..., unha orixinal iniciativa consistente nun concerto-entrevista, no que se poderá coñecer de preto, conversar distendidamente e escoitar ao vivo a música do nyckelharpista Marco Ambrosini, que será presentado polo xornalista da Radio Galega Anxo Quintela, desta volta na cafetería do Centro Galego de Arte Contemporánea, en Compostela, o 17 de outubro.

O calendario e a programación completa de Espazos Sonoros 2012 pode consultarse nos sitios web espazossonoros.org e cultura.xunta.es.

5 de set. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión