No Día de Manuel María

No oito de setembro Día de Manuel María

David Otero.-

Velaí e un ano máis de memoria, recordo e fidelidade, para o noso poeta nacional Manuel María de Outeiro de Rei e amical devoto do Cepelo que é dicilo veciño pleno da Chaira enteira e así galego normalizado de Galicia.O sábado concorremos por terra luguesas ( como así quere que se diga o escritor e amigo Paco Martín) para testemuñar afectos a ferrados e recordos inmedibles a Manuel e así telo na viva esencia de sermos nós e estarmos neste noso Pobo do Galego.

De primeiras estaremos na irmandade do xantar en terras de Rábade ao pé do río Ladra para logo ir a goce de palabras nosas en poesía a Penas de Rodas.Alí como todos os anos seremos moitos quen deamos voz ao creado por Manuel a través da súa poesía esencialmente popular e de aí sempre poesía culta e nacional.Marica Campo, Pilar García Negro, Tereixa Campo, María Xosé Lamas, a moza Alba e o mozo David, esperanzas literarias de Vilalba, Iago, Abella, Mini, Mero, Paco Martín, Valdi, Raul, Xulio Xiz, serán uns dos moitos que alí fagan sentir amorosamente acariños a Manuel, celebración de permanencia entre nós, ao redor das Penas xigantes, as de Rodas, paisaxe tan doce e motivador naquel alto de viso da Chaira.

Seguiremos logo camiño a Outeiro de Rei e alí, con Saleta, compañeira amorosa de Manuel, cos familiares, alí no cemiterio, daremos outra vez a nosa mostra de fidelidade plena ao noso referente de ben e homía, de nación, que foi ( e que é) Manuel María. Comezará o acto co cantar do Carro, “ non canta na chan ninguén”,ao guiar de Mini e de Mero. Tamén soarán as voces de Miro Casabella, Tino Vaz e Valcarcel.Alí os poetas collerán palabra e os versos en poemas soarán a verdade sentida e de crencia a Manuel María. Recordaremos pois en especial e este ano a Avelino Pousa Antelo que foi firme asistente deste día sen perder unha vez o seu estar alí en Outeiro de Rei, Recordo que o ano pasado puxo na lousa de Manuel unha mandiña de rosiñas da súa roseira da casa dos Verxeis en Oza. Haberá tamén flores de todos nós para Manuel e un a un iremos pasando por xunto del, alí na súa campa, para que el saiba de nós e nós sintamos a súa compaña de mestre a referencia obrigada, necesaria, nas nosas memorias vivas e activadas. Remataremos co noso himno nacional.
E así iremos ao campo de Santa Sabela, como ben lle gusta así chamar a Afonso Blanco Torrado, presidente necesario de todas e de todos nós, para levar adiante o rito de cada ano, o de “ A NAVALLA DE MANUEL”, que ben todos sabemos do gusto que o noso poeta tiña polo uso pacífico e humano da navalla.Rara vez usaba coitelo en ningún sítio, mesmo en restaurante de postín, e destas sacaba a súa navalla para repartir e alisar obstáculos. Nunca para agredir nada. Todos, comezando por Saleta, participaremos do repartir de pan e queixo que o fará o merecerte da navalla de Manuel deste ano e que é o escultor labrego e popular, Valdi de Castroverde e Sada. Faremos acompaño do viño de Sober. E xa a sol fóra, entre canto e músicas, tamén de gaita a do noso gaiteiro nubeiro Raúl Galego, iremos engadindo feitos para a nosa memoria e así nese argumento, o amor a Manuel María, para ir facendo desexos e proxectos para o ano que ven e concorrer o día oito de setembro e celebrarmos o DÍA DE MANUEL MARÍA que se suma aos moitos que debemos celebrar para facermos pobo e patria da que nos sentir orgullosos na humildade fonda e irrenunciable da nosa identidade determinada.

08/09/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión