O Prestige berra desde o fondo mariño

Fermín Bouza.-

Vaise achegando a data do décimo aniversario da catástrofe anunciada durante varios días do petroleiro monocasco Prestige, unha dos espectáculos máis flagrantes da ineficiencia dun goberno do PP, que perdería as súas eleccións xerais dous anos despois.

Un disparate tras outro, desde mandar o barco mar por fóra, dirixilo ao corazón da tormenta, anunciar todo o contrario e ver, finalmente, como Galicia, de norte a sur, se enchí dunha pasta negra que segue en parte nos fondos mariños. Por menos disto os cataláns están en marcha cara á súa independencia.

Tamén en Galicia o PP perdeu voto nas municipais e nas xerais e, finalmente, perdeu as autonómicas tres anos despois. Lembraba isto esta tarde mentres atendía algún requirimento mediático para falar daquilo, que parecía (e en certo xeito foino) un cambio de ciclo e de conciencia para unha maioría de galegos. Que queda daquela conciencia? Sen dúbida, moito, pero pouco articulado, cun fluxo de ideas políticas moi insuficiente, lento e pouco práctico.

Falta ambición e axilidade política, pero con iso e con todo, desas profundidades do petróleo aínda mana unha enerxía reconocible. Que así sexa.

30 de set. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión