Pardiñas, unha nova tradición


Tadashi Yamamoto.- Pardiñas, un recuncho da Terra Cha, convértese nun recinto do encontro cultural na primeira fin de semana de agosto. Nunha aldea duns cen habitantes reúnense vinte ou trinta mil persoas: o Festival de Pardiñas, que acadou este ano a 33ª edición da “Feira e Festa da Música e da Arte”. É unha das innumerables festas estivais galegas, ás que acude xente de fora, mais ten a súa orixinaridade e peculiaridade. Ten sona en toda Galicia e neste ano contou coas dúas noites de concertos, dez conxuntos musicais, mostra de artesáns de instrumentos, entrega de premios do certame chairego de literatura e debuxo infantil, exposicións da arte, coral na igrexa, e ata a carreira popular que se chama “Maratón de Guitiriz”. 

A finais dos anos 70 comezaron a nacer novas festas laicas en Galicia, que serían un movemento simbólico da transición. Algunhas seguen a manterse ata hoxe, recollendo fama e popularidade, como é o caso de Pardiñas. De todos xeitos, mentres a maioría desas festas organízanse polos concellos, Pardiñas lévase a cabo por unha asociación xuvenil, Xermolos, fundada en 1976 no Concello de Guitiriz.

“A montaxe, a publicidade, a venta de camisetas, os bares, as exposicións, a recollida do lixo,... todo o que supón o festival está feito coa colaboración de moita xente. Pardiñas é un festival artesanal porque está feito coas mans” (Revista Xermolos, n.48. 2004)

Aquí temos un concepto fundamental desta iniciativa cultural. Os rapaces de Xermolos traballan cada ano voluntariamente para o Festival de Pardiñas, compartindo unha forte conciencia comunal. Porque o Festival, para os habitantes de Guitiriz, non é só a oportunidade de obter ganancias, senón tamén a expresión da súa colectividade:

“...isto que é un feito indiscutible nunca foi tido en conta polas institucións que tiñan que apoialo e aproveitalo para difundir no exterior que Guitiriz existe. Hai que lembrar que son os días do ano que máis xente de fóra vén ó noso concello, que os máis novos e os non tanto, os medios de comunicación e , en xeral, o mundo da cultura sitúa a Guitiriz no mapa gracias fundamentalmente ó Festival de Pardiñas. Agardamos que algún día se entenda co mellor para o Festival é o mellor para Guitiriz”.(op cit.)

Así acude xente de fora -case catro veces máis da poboación do Concello- e levando a súa tenda de campaña e saco de durmir. Por outra parte, no campo do festival atópanse tamén as familias do lugar, dende nenos ata os de maior idade, por suposto que é o “seu festival”, ou sexa, o seu lugar de romería. Ás veces nunha festa aberta ó público divídense entre os de fora e os de dentro, mais en Pardiñas convívese, e vese unha armonía ou solidariedade de xente que comparte un espazo de “communitas”.

En Galicia hai outro festival musical, en Ortigueira, máis grande e promocionado a  nivel internacional no mundo celta. Para os aficionados á música folk é un evento estival máis importante, pero gústalles pasar tamén por Pardiñas, polo seu ambiente familiar e íntimo.

“Somos fillos de Pardiñas” dixéronme recentemente varios rapaces de Guitiriz, “porque cando nacín xa había festival, e medrei con Pardiñas”. Para eles o festival existe a priori. E os fillos dos ex-membros de Xermolos chegan a idade de participar na mesma asociación. Com mais de trinta anos, Pardiñas xa non é un invento “novo”. Os que habitan fora do concello prefiren achegarse a Guititiz nestas datas, e se non poden lémbrano con morriña. Pódese dicir que o festival xa obtivo unha índole “tradicional”.

“...o festival pasa de xeración en xeración, axeitándose ós modos e maneiras de cada unha delas, e vive como festa para todos, para xuntar da man ó avó e ó neto, ás familias na merenda e como punto de encontro para ducias de amigos e xentes de toda Galiza e de fóra”. (op cit.)

Entón, é “tradicional” o contido do festival de Pardiñas? Imaxinamos que a festa tradicional sexa un acto que se manten dende a época “moi antiga”, sen case ningunha modificación. Mais calquera festa tradicional ten o seu momento de invento, de introdución dos elementos novos ou de perda dos elementos orixinais. A tradición non é un produto conxelado na neveira, senon que ten o seu dinamismo. 

13/09/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión