Réquiem en lembranza de Xulián Rivas Calaza


Vicente Piñeiro González.-

Neste réquiem, como en “Réquiém para un neno”, de Rilke, non é o poeta quen lle fala ao neno morto, senón que é o neno morto quen lle fala ao poeta. Aquí, o neno non está só, como no outro réquiem, pero aínda non sabe como será o encontro con Deus. Para el o mundo no que agora está é diferente ao de antes porque alí pode xogar con outros nenos sen impedimentos. Aquí o neno que fala acepta a súa morte sen temores nin dramas, como se a súa morte fose un alivio, un don e non unha pena ou un castigo.

Nacín con un billete de ida e volta,
e notei unhas mans que me sostiñan,
daquela eu non tiña aínda un nome,
un nome polo que aínda me recordan.
Aquí hai moitos nenos cos seus nomes,
non sei como chegaron até aquí,
nin se alguén os veu acompañando.
Con eles falo ás veces dos recordos,
dos poucos que albergamos nese lado,
das cousas que aprendemos nese lado,
que agora os mortos non necesitamos.
Cheguei aquí e custoume abrirme paso,
as miñas pernas non me transportaban,
pero uns brazos moi fortes me colleron
e un rostro moi afábel me falou.
Conservo aínda intactos os recordos,
dos amigos, do río, aquela cama,
ouvir á miña nai, ver a súa cara,
e a xente á que eu me confiaba.
Eu fun como un xoguete de madeira,
que se xoga con el e que se tira,
rompéndose en anacos contra o chan.
Sentinme así e sempre estaba triste,
cando vía outros nenos pola rúa,
cando vía os cadeliños pola rúa,
cando tras da ventá vía os paxaros
transformándose en aire e en melodía.
Eu quería escapar, xogar con eles,
eu quería voar, era un paxaro,
e cando ollaba o río era a corrente.
Eu nunca entendín que me pasaba,
por que me abandonara a natureza,
por que o meu corpo era a súa mentira.
Talvez todo é mellor aí sen min,
a xente era un arroio, murmuraba,
e miña nai mollábase nas augas,
dese arroio de bágoas que botaba.
Agora neste lado hai máis nenos
nenos que coma min foron tomados,
que viñeron aquí, xogar comigo.
Desde que estou aquí non vin a cama,
porque aquí eu non teño que sandar.
Os que estamos aquí estamos mortos,
pero non teño medo, estou tranquilo,
como tamén o estaba aí na terra,
onde vivía case afastado.
Marchei coa vida apenas comezada,
e ao chegar aquí non comprendía,
e nada máis chegar eu preguntaba,
que foi realmente o que me pasou?,
de verdade estou morto ou é un soño?
Agora xa non oio aquel murmurio
que escoitaba aí, estando vivo.
Tal vez que estea aquí sexa o milagre,
que pedían pra min mentres vivía.
Aquí xa ninguén fala dos seus males,
das dores que tiveron, das menciñas,
das febres e de non poder andar,
todos din que eses males xa pasaron,
agora aquí ninguén está enfermo
e pensamos que agora isto é vida
chegada a un momento culminante
e permanente noutra dimensión.
Talvez neste lugar estou de paso,
talvez espero aquilo prometido,
vivindo nun constante esperar.
Agora son feliz en esta infancia,
aquí todo semella familiar,
ninguén me planifica o meu futuro,
os mortos non facemos previsións,
non hai prazos, porvir, ou enfermidade.
Teño morriña ás veces dos xoguetes,
dos xoguetes aqueles que falaban,
dos contos infantís que divertían,
dos coches, dos monecos, dos heroes,
do lapis, dos cadernos, das pinturas.
dos gatos e dos cans e dos paxaros
e na tele os debuxos animados.
Talvez vós desde aí no o entendedes,
agora os que están vivos non entenden,
non entenden que eu xa non son verdade,
que agora vivo dentro de min mesmo,
entregado a min desde o meu centro,
subíndome, elevándome, suave,
cara a un lugar en onde me sosteñen.
Agora eu sei que Deus virá buscarme,
tomarme no seu seo e ser feliz,
non sei se Deus tamén é un xoguete,
se é moi vello, moi novo ou ten barba,
se un rei que en Nadal trae agasallos,
se ten forma de home ou de muller,
se ten forma humana ou de paxaro,
se o seu fogar é un niño ou é un pazo,
se é brando como un campo de algodón,
se lle podo falar dos que están vivos,
se el me pode falar de miña nai,
como están as súas cousas entre os vivos,
se ela aínda conserva as miñas fotos,
e se me traerá un día os meus recordos.
Xa pasou morto tempo desde a morte,
dese mundo a este mundo de confianza,
neste mundo que aprendo cousas novas,
por exemplo, que empezo a prepararme,
para empezar aquí unha nova vida,
nesta parte que xa non me intimida,
neste lado que xa son un adulto.
Lembro que ao chegar me confundía,
vendo nenos xogando ensimesmados,
afastados do amor cara os adultos,
esperando subir, ser elevados,
concentrados xogando nos seus xogos.
Eses nenos tamén estaban mortos,
e aprendín a xogar aquí con eles.
Aquí non hai lugar onde perderse,
nin xente que dea medo pola noite,
aquí non hai de que se preocupar,
aquí estou tranquilo e sen dores,
como ao inicio estaba aí na terra.
Non importa, mamá, que estea morto.

22/09/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión