Lecturas contra o reloxio

Mario Paz González.-

Non hai moito lin en El País Semanal un interesante artigo no que retratábase o xeito de ver a vida daquelas persoas que agora mesmo andan arredor dos corenta anos (antes chamados corentóns). Non teño intención de comentalo, pero si quero citar unhas verbas que chamáronme moito a atención. Refírome a que algúns dos entrevistados dicían atoparse no “ecuador da vida”. Poderá dicirse (con razón) que son inxenuo, pero eu, que pertenzo á mesma xeración que eles, non caera na conta delo. Talvez, porque un anda mergullado noutros asuntos e, como dixo John Lennon, a vida é iso que nos pasa por diante sen que cheguemos a ter conciencia dela, pois estamos sempre argallando noutras moitas cousas.

Recoñezo que iso do “ecuador da vida” chegoume ao fondo da alma. Segundo a estatística é, sen dúbida, certo, pero, como non teño o don da adivinación, a pregunta seguinte é inevitable: e se non fose así?, e se xa cruzamos esa liña imaxinaria? Afortunadamente non temos resposta, pero a congoxa que un sente neses momentos parece comprensible. Sobre todo porque tense a certeza, entre outras, de que a vida non nos vai permitir ler todos os libros que quixéramos. Nin sequera todos os que conforman a propia modesta biblioteca que, sen ser moi voluminosa, non deixa de estar relativamente ben dotada.

Se cadra este pode ser un xeito un tanto sofisticado ou pedantesco (ou, asemade, as dúas cousas) de crise dos corenta, non o sei. Agora que todo está en crise, esa precisamente parece a menos importante. Pero un tende a pensar que, de decatarse antes de que a vida ía pasar sen aviso, as cousas terían sido diferentes. Quero dicir que quizais tería amoreado menos libros na casa, pois, por moi despistado que un sexa, debería saber que era totalmente imposible lelos todos, agás que un puidese vivir sucesivas reencarnacións unha tras da outra. Entón, para que reunilos? Quen sabe. Se cadra porque, como dixo Augusto Monterroso, tendemos a crer, inconsciente e erroneamente, que o tamaño das nosas bibliotecas é directamente proporcional ao da nosa intelixencia. Pensamos que tendo máis libros seremos máis listos.

Pero como facer unha selección dos que un debería ler? Hai anos pensaba que o mellor era achegarse soamente á obra de escritores mortos. Con eles o tempo exercera xa o papel do máis desapiadado dos críticos literarios condenándoos á gloria eterna ou a un esquecemento inmisericorde. Pero cómpre recoñecer que o argumento non sempre resulta convincente. Non lles desexo ningún mal, así que como privarse de Coetzee, Auster, Delillo, Pynchon, Amis e tantos outros que, afortunadamente, a día de hoxe continúan vivos? Oxalá un tivese a capacidade selectiva do Abate Faria, quen dicía a Edmond Dantés n’O Conde de Montecristo que, dos cinco mil volumes da súa biblioteca, tería abondo con cento cincuenta obras ben escollidas (Tucídides, Tito Livio, Dante, Montaigne, Shakespeare…) para ter un resumo completo de todos os coñecementos do ser humano. Aínda que cómpre ter en conta que isto foi dito a mediados do século XIX e coido que hoxe a listaxe sería, cando menos, un pouco máis longa. Como non engadir a Poe, Kafka, Pessoa, Proust, Joyce, Camus, Saramago...? A non ser que decidamos limitar o número a eses cento cincuenta e a entrada duns supoña a saída doutros, pero de cales?

En fin, a decisión non sería doada e a cuestión é demasiado triste para seguir facéndolles perder o tempo dando voltas ao asunto. En lugar diso penso que é mellor recomendarlles que lean, que lean todo o que poidan, xa sexan os cento cincuenta libros imprescindibles do Abate Faria, xa sexan outros calquera, que máis ten. Lean porque a vida é demasiado breve e a lectura, ademais de axudarnos a esquecer as crises, forma (ou debería formar) unha parte moi importante dela.


30/10/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión