O 'Bassibus' visitará a Cidade da Cultura


Manuel París.- O humorista Leo Bassi levará o vindeiro 16 de outubro a Compostela o seu 'Bassibus', unha iniciativa coa que organizará unha excursión á Cidade da Cultura –á que definiu como “herdanza terrible e burato negro”- para evidenciar a "horrible utilización do diñeiro público" por parte dos Gobernantes. Coa vista posta nas eleccións autonómicas do 21 de outubro, Leo Bassi levará así ás persoas que se apunten á súa iniciativa ata a Cidade da Cultura como exemplo do "caciquismo" e “símbolo do despilfarro”.

"É un insulto á Catedral de Santiago facer unha Cidade da Cultura a catro quilómetros doutra que, desde fai séculos, é unha cidade da cultura", sentenciou Leo Bassi durante unha rolda de prensa en Compostela, onde cualificou a Cidade da Cultura de "monumento á hipocrisía". Para Bassi, o complexo do Gaiás quedará "para a posteridade" como "un exemplo do que ocorreu politicamente neste período en España" no que se deu "o diñeiro da cultura aos construtores". 

Segundo Leo Bassi, esta iniciativa ponse en marcha, precisamente, coa vista posta nas eleccións do 21 de outubro, dado que o resultado dos comicios galegos terá "repercusión noutros lugares". "Os electores galegos teñen unha grandísima responsabilidade", sentenciou o humorista, que preguntou aos galegos “se van revalidar a política de recortes de Rajoy". 

Durante preto de dúas horas, as persoas que se apunten para participar na actividade do 'Bassibus' viaxarán ata a Cidade da Cultura e outros lugares que o propio humorista quixo deixar como unha "sorpresa". Alí, Leo Bassi exporalles datos de gasto do complexo, a súa construción e as súas motivacións; o humorista italiano tamén confirmou a presenza no 'Bassibus' do escritor Ramón Chao, promotor da plataforma cívica “Amigos de Prisciliano” e pai do cantante Manu Chao. Bassi considerou que "Prisciliano podería ser dalgún modo a alma da Cidade dos Druídas", polo que propuxo "trasladar" ao Gaiás "os ósos de Prisciliano". 

Os interesados en participar no 'Bassibus' deberán apuntarse a través da páxina www.pallasosenrebeldia.org ou no teléfono 653 072042. En principio está previsto que partan desde o Museo do Pobo Galego dous autobuses, un pola mañá e outro en sesión de tarde. Ademais de protagonizar esta actividade, Leo Bassi ofrecerá tres espectáculos en Galicia, concretamente na Ramallosa (Teo), en Lugo e en Vigo. Finalmente, tamén impartirá un curso de bufón e provocación durante o fin de semana en Teo (A Coruña). 

10/10/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión