Se pides unha macela...


Se pides unha macela, miraranche por dúas veces mal

Xurxo Martínez González.-

Non sei que sucede nos bares, cafeterías e restaurantes de Galiza cando un pide que lle sirvan unha macela. Algo tan sinxelo pode volverse un trauma. O persoal tende a fitar para ti e en cada ollo unha interrogación. Cóntovos o meu caso:

Cada día estou máis canso de pedir unha macela e ter que dar explicacións. A vindeira vez que alguén me interrogue por pedir unha macela, unha macela que non é un zume de pataca, xúrovos que lle zoupo coa man aberta. Pero que ten de raro neste país pedir unha macela? Só quero unha macela, máis nada. Que non fai falla ir ao monte por ela. Basta con baixar ao supermercado. Non a quero montesa, só quero unha macela.

Nun deses ollos que finca en min o canto máis punzante do signo de interrogación leva escrito: atópaste mal? Pero imos ver. Un non pode pedir unha macela porque ten sede, porque lle sabe ben ou porque lle sae da punta da lingua pedila? Pero é que sempre, sempre, sempre que alguén pide unha macela ten que estar forzosamente malo do bandullo? É que non ten máis finalidade a macela que sandar as dores estomacais? Non, non estou de resaca, grazas pola túa preocupación, moi amábel. Para iso xa teño Almax.

Pero é que logo, no outro ollo do persoal, vén outra interrogación que remata por tronzar a miña simplísima solicitude: que é unha macela? E veña a explicar o que é e retorna a discusión máis desgastada da historia universal galega: como sodes, sempre rebuscando as palabras máis raras e diferentes do castelán. Pero imos ver. Se en galego se chama macela como a vou chamar? Non nos educan na escola a identificar co seu nome correcto os obxectos que nos rodean? Entón en galego teño que dicilo mal porque senón son de non sei que causa arredista da emancipación plena dos que queremos distinguirnos do castelán porque somos xente moi rara que odiamos todo o que é español para crearmos fronteiras que dividan aos pobos do mundo enteiro só na procura da nosa identidade que ao final acaba nun nacionalismo extremo e xenófobo de integristas dispostos a asasinar milleiros de almas (incluídas as transplantadas) que non falen o galego que eu pretendo falar ao chamar á macela macela?

Pois a min non me peta dicilo mal e non me cansarei de explicarlle o camareiro o que é logo da correspondente pregunta: perdón, que no le entendí?

E cando coidaba que aí remataba todo, sucede que en casos en que estou acompañado dunha amiga que pediu unha clara, o camareiro sempre di: la manzanilla para la señorita.

Cágome en…


Xurxo Martínez González

29/10/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión