Señor ministro...


Iago Castro.-

Sr. D. José Ignacio Wert Ortega
Ministro de Educación, Cultura e Deporte.

Pouco estimado ministro:

Teño que dicirlle que, por unha vez, case se agradece a sinceridade por parte dun membro do Goberno. Refírome, claro está, a esa auténtica declaración de intencións expresada aínda hoxe no Congreso dos Deputados: o obxectivo do Goberno é españolizar aos alumnos cataláns. Así, cun par de pelotas, branco e en botella.

Esta frase encerra todo un programa. O seu non é reducir o fracaso escolar, nin garantir a igualdade de oportunidades. Tampouco conseguir unha ratio decente de alumnos por aula ou, en xeral, acadar un adecuado nivel de calidade no ensino. O seu programa para a educación é implantar o puro e simple adoutrinamento.

O seu partido de sempre, polo que vostede foi deputado cuneiro pola Coruña en 1986, ten unha teima particularmente insistente por reformar as sucesivas leis de ensino, tarefa á que vostede parece entregado con especial dedicación. Agora enténdese o por que. Se cadra é debido a certa nostalxia pola educación que recibiron os da súa xeración, a que agora está no poder. Vese que botan de menos a asignatura de Formación del Espíritu Nacional, cantar o Cara al Sol, o Oriamendi e o Himno da Lexión. O problema, señor ministro, é que vostede é o mellor exemplo do pouco que podemos agardar dun sistema como aquel.

Porque, verá: a educación española ten serios problemas, si. Ninguén o nega. Cada certo tempo un incerto Informe Pisa sitúanos á cola nas máis variadas materias. O que non se conta é que o investimento español en educación era, incluso antes da crise, a metade que o dos países occidentais do noso entorno. Velaí o problema principal. Se os sucesivos ministros da democracia se dedicasen a tentar conseguir un nivel de investimento digno en vez de botarlle a culpa ás leis, aos mestres, aos alumnos, aos pais, aos bedeis ou ao sursumcorda, probábelmente hoxe tocaríamos outra canción. A situación da educación española é a que é, en boa medida, grazas á ineptitude dos seus sucesivos predecesores, Aguirre, Maravall, Cabrera, Rubalcaba e Rajoy, entre outros, empeñados en lograr a cadratura do círculo cun sistema educativo “low-cost”.

Pero é que agora mesmo, señor ministro, hai problemas aínda máis graves. Entre outros, milleiros de nenos que acoden ao colexio subalimentados mentres reducen vostedes a dotación para comedores escolares. Tamén toda unha xeración sen máis expectativas que un emprego-lixo, o paro ou a emigración. A verdade é que, cando un paga impostos, agarda que as persoas que pon á fronte para que os xestionen teñan, como mínimo, dous dedos de frente, e saiban priorizar os problemas.

Permítalle, para rematar, que lle faga notar unha cousiña:

1.- Se os alumnos cataláns aprenden língua, cultura, historia ou xeografía catalana, entre outras moitas cousas.

2.- E vostede entende que hai que “españolizalos”, porque agora non o están.

3.- Logo afirma vostede que Catalunya non é España.

Obviamente, o seu mestre de Formación del Espíritu Nacional non lle explicou o que é un siloxismo. Eu tampouco penso facelo.

10/10/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión